A web do Pazo da Cultura renóvase co Faiponting

PONTEVEDRA. O proxecto Faiponting, que aposta por aunar as posibilidades de lecer ao outro lado do Lérez, xa ten páxina web.

O novo portal, que mantén o enderezo virtual do Pazo da Cultura, foi presentado onte pola concelleira Anxos Riveiro, quen salientou que a idea é "unir o Pazo e a Illa do Covo como un único espazo que leve aos cidadáns a gozar de ambos". "Queremos que a xente perda o medo a cruzar as pontes e que descubra que hai un número incrible de actividades agardándolles", engadiu.

Na nova páxina web, pódese facer un percorrido polas instalacións do Pazo da Cultura e do Recinto Feiral, coñecendo as súas salas, condicións de cada espazo -metros cadrados, iluminación...-, actividades e programación. Así mesmo, o apartado adicado á Illa do Covo, máis coñecida como Illa das Esculturas, explica cada unha das obras de arte expostas, as especies vexetais e animais que viven neste espazo e os circuítos deportivos que ofrece. "A illa é utilizada por recoñecidos deportistas como Javier Gómez Noya e moitos cidadáns", resaltou Riveiro. "Queremos que os pontevedreses lembren que o Pazo tamén abre os domingos e que o poden visitar á vez que a illa", rematou.

Comentarios