Xoel López dará un concerto no Pazo da Cultura o 11-D

O artista presentará o seu último disco, ‘'Paramales'’, dentro do ciclo ‘'Imperdibles'’, acompañado por unha banda
Xoel López nunha foto promocional de ‘Paramales’
photo_camera Xoel López nunha foto promocional de ‘Paramales’

Xoel López volve a Pontevedra. O músico coruñés non actuaba na capital da provincia dende que, en 2012, ofrecera un concerto de presentación do seu disco ‘Atlántico’ no Pazo da Cultura. Agora volve precisamente a ese mesmo escenario co seu novo traballo, ‘Paramales’. A actuación terá lugar o 11 de decembro dentro do ciclo ‘Imperdibles’ (20.30, ataquilla.com, 19,60 euros), polo que xa pasaron o 9 de outubro The Sonics e pasarán o vindeiro domingo Furious Monkey House. Nun primeiro momento, nos cubos de información cultural que o Concello coloca pola cidade nesta data aparecía un concerto do dúo Kings of Convenience, que finalmente quedou posposto.

"Xoel e nós tiñamos unha espiniña cravada con Pontevedra porque é unha cidade especial para el, na que conserva moitos amigos e na que non volvera actuar dende 2012", contou Joaquín Martínez ‘Kin’, da promotora Esmerarte. "Sempre estabamos dándolle voltas á idea de repetir aquí e non vimos mellor oportunidade que a presentación de ‘Paramales’, un disco que está funcionando fenomenal". Xoel López ofrecerá un concerto en Pontevedra acompañado dunha banda na que militan, entre outros, Miguel Rivera (Maga), Iván González ‘Chapo’ (M-Clan, Amaral) e Charlie Bautista (Russian Red). "Son sete músicos moi recoñecidos, cunha experiencia brutal, que compoñen unha banda irrepetible".

DEBUT. O artista contará coa valenciana Helena Goch como teloneira. A moza publicou este ano o seu álbum de debut, ‘Little Tiny Blue Man’, con Julio de la Rosa (gañador dun Goya pola banda sonora da película ‘La isla mínima’).

"É, sen dúbida, unha das artistas do momento", avanzou onte ‘Kin’ na presentación do concerto. Goch, de nome real Helena Sanchis-Guarner, acadou o recoñecemento ‘Artista emergente de 2014’ para o programa Disco Grande, de Radio 3, ademais do premio á mellor música no London Fashion Film Festival pola banda sonora dunha campaña publicitaria de Women’Secret protagonizada por Elsa Pataky.

A artista valenciana Helena Goch, que debutou este ano con ‘Little Tiny Blue Man’, será a encargada de telonear ao coruñés

Comentarios