Viernes. 24.11.2017 |
El tiempo
Viernes. 24.11.2017
El tiempo

Xogar a ser comisario no Museo de Pontevedra

Paula Tilve, Carlos Valle, Marta Guirado, Xosé Leal, Ana Barreiro e África Martínez
Paula Tilve, Carlos Valle, Marta Guirado, Xosé Leal, Ana Barreiro e África Martínez
Un grupo de alumnos de Primaria exercerá o comisariado dunha exposición grazas a unha iniciativa da Deputación e de Taller Abierto ► "A filosofía de Tonucci chega a esta institución"

"Os rapaces pasan a situarse aquí no centro da acción. Eles son os protagonistas. Nós só faremos de guías", sinalaba onte, na presentación do proxecto As/Os do Sexto, unha das responsables da empresa de xestión cultural Taller Abierto, África Martínez. Ela e as súas socias, Ana Barreiro e Marta Guirado, coordinarán, xunto ao Gabinete didáctico do Museo de Pontevedra, unha actividade que lle permitirá a 15 alumnos de Primaria exercer o comisariado dunha mostra na institución dependente da Deputación.

"Trátase dun proxecto moi innovador, por non dicir inédito", explicou o director do Museo, Carlos Valle, na presentación da iniciativa, na que tamén estivo presente Paula Tilve, do Gabinete didáctico da institución. "A filosofía Tonucci chega tamén ao Museo", rematou o deputado de Cultura, Xosé Leal, facendo referencia ao pensador italiano que di ter en Pontevedra a súa fonte de inspiración á hora de divulgar o concepto de A cidade dos nenos, título dun dos seus libros máis coñecidos.

"A través dunha metodoloxía activa, os pequenos coñecerán as coleccións do Museo e intervirán nun comisariado profesional sendo eles mesmos os protagonistas, fomentando o seu interese pola arte e familiarizándose co proceso expositivo", explicou África Martínez. "Ao longo de doce sesións de traballo serán os encargado de seleccionar as obras, documentarse sobre elas e identificar as temáticas que ensamblen o seu esquema proxectual".

EXPOSICIÓN. O traballo que realicen os nenos ao longo dos próximos meses cristalizará nunha exposición, que terá lugar en febreiro de 2018.

O prazo de inscrición en As/Os do Sexto permanecerá aberto ata o 30 de setembro. Os nenos interesados en apuntarse deben enviar unha fotografía na que aparezan retratados cunha obra da colección permanente do Sexto Edificio e un breve texto no que expliquen por que elixen esa obra.

Tamén deben adxuntar a inscrición e a autorización cumprimentada, que pode descargarse da páxina web do museo (www.museo.depo.es). Esta documentación pode remitirse por correo electrónico ao gabinete didáctico —[email protected]—, ou entregarse no mostrador do Sexto Edificio no horario de apertura do Museo. A selección levarase a cabo polo equipo de Taller Abierto en base a criterios de interese e motivación.

Xogar a ser comisario no Museo de Pontevedra