Xohán Xesús e Camilo Díaz

No ano 1924 foi realizada unha caricatura do polifacético cuntiense, xunto coas de Armando Cotarelo Valledor, Mariano Tito Vázquez, Fermín Bouza Brey e outros membros do Cadro Dramático da Universidade de Compostela
Caricatura do intelectual e activista de Cuntis
photo_camera Caricatura do intelectual e activista de Cuntis

A biografía do cuntiense Xohán Xesús González non pasa desapercibida para ninguén, aínda que se lea un chisco dela. Canteiro, sindicalista, mestre, xornalista, actor, avogado, editor, libreiro, político, etc. son moitos dos labores nos que destacou nos seus corenta anos de vida. Así a todo, case sempre que se fala deste erudito faise sobre a última etapa da súa vida (a década dos anos 30 do século XX, até o 1936, cando é fusilado polos franquistas) e pouco dos anos 20 dese século.

Hipótese "Tal vez esteamos diante das primeiras caricaturas realizadas polo artista gráfico"

Inicia os seus estudos en 1919 na Escola Normal de Compostela, e é nestes primeiros anos de universidade cando coñece a Camilo Díaz Baliño. Sabemos que se une á Irmandade da Fala (ao igual ca outros de Cuntis, como Manuel Mesejo Campos, Roberto Blanco Torres, Uxío Souto ou Xosé Toubes na Irmandade da Coruña). Esta agrupación irá forxando o seu carácter e os seus ideais.

Case a mediados de 1924, no círculo universitario compostelán xermola a idea de facerlle unha homenaxe a Xosé Rodríguez Carracido, ex-reitor da Universidade compostelá, bioquímico e farmacéutico, que obtivera certa fama a nivel europeo.

Aos poucos fóiselle dando forma a esta louvanza e, o que no inicio ía ser un acto academicista cunha sesión no Paraninfo e o descubrimento dunha lápida –feita por Francisco Asorey– na Facultade de Farmacia (Pazo de Fonseca) ampliouse cun acto de maior trascendencia ao que podía acceder máis público no Teatro Principal. Os medios de comunicación fixéronse eco deste evento ao longo dos meses.

A louvanza celebrouse o 24 de novembro de 1924, ás 19.30 e 20.00 horas, e para tal fin imprimiuse un pequeno folleto onde se especificaban os diversos actos: apertura cun discurso do reitor Xosé Blanco Rivero, audición musical da Tuna e estrea do Lubicán, conto dramático de lobos e de amores, en tres cadros en verso, escrito por Cotarelo Valledor (primeiro presidente do Seminario de Estudos Galegos) e representado polo Cadro de declamación Universidad. O acto pechábao a orquestra do Teatro coa interpretación do Himno galego e cantado polos asistentes.

Características "O labor minimalista, á hora de realizar un retrato, non é tarefa doada, como tampouco o é para un debuxante e pintor"

Sabemos que Xohán Xesús González acariña a iniciativa do Comité pro Carracido, posto que escribe varias noticias en El Compostelano e El Pueblo Gallego, de Vigo (do que é correspondente). Nelas trataba favorabelmente da homenaxe e, sobre todo, da peza teatral. O cuntiense xa levaba varios anos formando parte deste grupo, dirixido polo pintor Mariano Tito Vázque, e que neses anos traía a escena obras escritas polo vicerreitor Cotarelo.

Posiblemente fose Cotarelo un dos que animaron ao cuntiense a levar á escena a súa peza Carmiña (1922), e o mesmo debeu acontecer con Xosé Posada Curros e a súa Negra Sombra (1923). Dous anos máis tarde da representación de Trebón, de Cotarelo, para o que Díaz Baliño tamén pintara tres decorados, estréase Lubicán. Conto dramático de lobos e de amores en Compostela e, semanas máis tarde, na Coruña, tamén de temática amorosa e ambientación rural. Nesta obra volven repetir Xohán Xesús, Posada Curros, Bouza Brey e Díaz Baliño, que realiza varios decorados e a cuberta do libro.

Os retratos e caricaturas que máis se coñecen de Camilo Díaz Baliño son aqueles que fixera en 1936, cando estivo preso no cárcere do concello compostelán, de diversos amigos e presos. Tamén se coñecían algo os que fixera en Bos Aires, canda a xira de De Ruada en Sudamérica (1931). Mais, apenas tiñamos constancia do folleto do Comité pro Carracido, aínda que si unha noticia de novembro de 1924, aparecida en El Pueblo Gallego, onde se daba conta da homenaxe e da estrea de Lubicán.

Neste folleto publicitario, Camilo realizou unhas caricaturas de Armando Cotarelo Valledor (autor da peza teatral), Mariano Tito Vázquez (director de escena), González Rey (apuntador), e a dos actores Xosé Posada Curros, que facía o papel de Antón; Fermín Bouza Brey, representando a Cristobo; Xohán Xesús González, no papel de Lorcho; Xosé Teijeiro, que era Damasio, e os mozos Ramón Martínez, Luís Feijoo e Secundino Lugrís.

Síntese "Podemos dicir que cantas menos liñas, máis difícil é o labor de simplifi cación"

Fotográficos son os retratos das actrices do cadro dramático: María Pérez (Tía Miñota), Basilisa Piñeiro Piñeiro (Inesa), Matilde Docampo (Xoana), María Lois Asorey (Moza 1ª) e Carmiña Sierra Piñeiro (Moza 2ª). Descoñecemos se Díaz Baliño tamén traza retratos destas integrantes femininas.

O labor minimalista á hora de realizar un retrato non é tarefa doada, como tampouco o é para un debuxante e pintor. Podemos dicir que cantas menos liñas, máis difícil é a simplificación.

Nestas caricaturas, probabelmente as primeiras que realiza o escenógrafo, vemos unha síntese clara daqueles trazos máis característicos (ollos, nariz, boca, cabelo ou orellas) e comedida para non chegar ao grotesco. Lorcho é debuxado de perfil e resaltando principalmente o seu amplo nariz e beizo inferior, o que sobresaía un chisco sobre o superior.

Desgraciadamente, de Xohán Xesús González apenas se conservan fotografías e en moitas desa época hai numerosas persoas sen identificar.

Grazas á caricatura que Díaz Baliño lle fixo, podemos dicir que ha ser un pouco máis doado identificalo e botar un pouco máis de luz na investigación da historia interminábel do cuntiense. Agradecemos a Isaac Díaz Pardo a conservación desta pequena gran xoia da nosa historia.

Comentarios