A Xonxa ''doce e forte'' de Galicia

«Unha Xonxa coma as moitísimas que hai en Galicia, doce e forte, nai de familia que se sobrepón ás dificultades para sacar adiante ós seus». Así define a protagonista do filme ‘Sempre Xonxa’, Uxia Blanco, á personaxe que lle tocou interpretar e que onte servíu de exemplo e de homenaxe para as mulleres traballadoras galegas, ás que este ano quere recoñecer a Asociación de Mulleres Espadela de Cerdedo con motivo da celebración da súa XI Festa da Vincha o vindeiro 6 de marzo.

O Centro Cultural cerdedense acolleu a proxección da que é a primeira longametraxe galega rodada en 35 mm, unha das demostracións de que nos anos oitenta «facer cine en Galicia era posible, pero en galego era necesario», a gran máxima do seu director Chano Piñeiro, un home «comprometido, un admirador profundo das mulleres traballadoras», como recoñeceu a súa viúva Mariluz Montes. «Chano non fixo cine só por estética, senón por darlle voz á súa xente», aquela que tivo que padecer a dor da emigración, como se recolle no filme, rodado en tres fases pola falta de cartos e pola intención do director de captar as diferentes estacións.

Mentras Chano rodaba con 36 anos «sen apoio político, porque non crían que gravar en galego e en Galicia fose o futuro» -recordou Blanco-, Mariluz, exemplo da muller galega traballadora, quedaba na botica, para gañar para vivir. Xunto con ela, tamén Uxía Blanco está na nómina das loitadoras, por pelexar polo soño que ‘Sempre Xonxa’ lle permitiu cumprir: ser actriz.

Comentarios