A Xunta acepta a proposta de Andrés Díaz para expropiar na PO-234

O Concello de Ponte Caldelas reservará 40.000 euros para pagar os terreos necesarios
Unha reunión previa sobre a PO-234 celebrada en Pontevedra.
photo_camera Unha reunión previa sobre a PO-234 celebrada en Pontevedra.

A mellora de seguridade viaria da PO-234 en Ponte Caldelas poderá desatascarse se chega a bo porto a solución negociada polo Concello de Ponte Caldelas e a Xunta de Galicia nunha reunión na que interviron o alcalde, Andrés Díaz, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez; o delegado territorial, Xosé Manuel Cores Tourís, e técnicos da Consellería de Infraestruturas.

Na xuntanza debatiuse a fórmula de colaboración entre ambas institucións, que se traducirá nun acordo básico que dá vía libre ao cofinanciamento da obra mediante unha achega económica de Ponte Caldelas que se destinará ao pagamento das expropiacións necesarias.


O Concello de Ponte Caldelas dá por finalizado o conflito social e felicita aos veciños por defender na rúa as súas reivindicacións

"Ata o de agora, a Xunta esixía que o Concello puxera a disposición os 99 predios incluídos na Relación de Bens e Dereitos Afectados. O Concello sempre defendeu que carece de competencias para expropiar terreos na Rede Autonómica de Estradas e que a recollida de sinaturas carece de valor no marco do procedemento regulado de obtención dos terreos", lembra o tripartito, que, ante isto, puxo sobre a mesa un convenio propio de cofinanciamento en virtude do cal Ponte Caldelas se compromete a achegar 40.000 euros, dos que 20.000 serán reservados este mesmo ano e o resto en 2018.

A proposta inicial de convenio facía variar a segunda anualidade "cun máximo de 20.000 euros" e, despois da negociación, esta cantidade será fixa. "O Concello non discutirá este matiz porque a nosa prioridade é que a obra se faga", recalcou o Andrés Díaz.

En virtude ao acordo, a Xunta queda comprometida a iniciar xa o expediente para a expropiación dos terreos e, a continuación, o procedemento para a adxudicación das obras e, nese momento, cara o outono, o Concello achegará a primeira anualidade.

Díaz informou aos grupos municipais na Xunta de Goberno Local. O convenio foi valorado moi positivamente e só se farán pequenas modificacións de redacción e se introducirá a esixencia de que toda a publicidade institucional sobre esta obra faga constar a colaboración do Concello de Ponte Caldelas.

O Concello dá por finalizado o conflito social e institucional e inicia os trámites para cumprir a súa parte do convenio, sen esquecer que, unha vez realizadas as obras nos dous tramos de Laxoso e Augasantas-Portasouto, quedará pendente o terceiro tramo, que enlaza co centro urbano.

Comentarios