martes. 24.11.2020 |
El tiempo
martes. 24.11.2020
El tiempo

A Xunta destina 823.029 euros ás ARI de Pontevedra, Marín e Poio

Os beneficiarios destas axudas serán os propietarios de vivendas situadas nas Áreas de Rehabilitación Integral dos tres concellos

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, anunciou que a institución autonómica destinará 823.029 euros para as Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) de Pontevedra, Poio e Marín.

Os beneficiarios finais dos fondos repartidos serán os propietarios de vivendas e edificios de vivendas emprazados no ámbito das ARI dos tres municipios, xa que recibirán axudas a fondo perdido para as actuacións de rehabilitación que realicen. Tamén se poderán beneficiar os propios concellos para a realización de actuacións de urbanización e reurbanización nestas áreas.

Así, cada localidade contará cunha cantidade. O financiamento da Boa Vila constará de 440.028 euros para a execución de 78 actuacións nas súas dúas áreas de rehabilitación, xa que 50 delas terán lugar no casco histórico da capital provincial e 28 serán en Estribela. Marín, pola súa parte, recibirá 334.152 euros para executar 113 actuacións na súa ARI. Poio, o terceiro concello que poderá gozar a axuda do organismo autonómico, terá á súa disposición 48.849 euros.

A Boa Vila contará con 440.028 euros, Marín con 334.152 e Poio con 48.849

Doutra banda, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda repartirá preto de 3 millóns de euros entre as nove Áreas de Rehabilitación Integral declaradas na provincia de Pontevedra. Deste xeito, a nivel galego foron repartidos máis de dez millóns de euros. 7,5 millóns son achegados polo Ministerio de Fomento, mentres que outros 3 polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).

Os fondos xa se atopan repartidos entre os concellos que dispoñen de ARI no seu territorio en función das solicitudes presentadas pola administración local. Ademais, este reparto xa foi comunicado a cada un dos concellos. Agora, serán eles quen deberán comunicar ó IGVS as actuacións previstas mediante a presentación da documentación acreditativa.

Desta forma, no caso de concellos que, como Pontevedra, dispoñen de máis dunha Área de Rehabilitación Integral no seu ámbito, serán as administracións municipais as que deberán realizar a partición. En adición, serán os concellos os que deberán regular os prazos para a presentación de solicitudes por parte dos propietarios que estean interesados en rehabilitar as súas vivendas.

En Galicia, máis do 40% dos concellos contan cunha Ari no seu territorio ou están incluídos na ARI dos Camiños de Santiago

MÁIS AXUDAS. As Áreas de Rehabilitación Integral temén poderán gozar das axudas dos Camiños de Santiago. Un total de 107 concellos das catro provincias galegas están a beneficiarse destas axudas. Xestionadas directamento polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, foron convocadas no DOG do 14 de xuño deste mesmo ano. Contan cun importe total de 2.9 millóns de euros e o prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 30 de novembro deste ano.

En Galicia, máis do 40% dos concellos contan cunha ARI declarada no seu territorio ou están incluídos na ARI dos Camiños de Santiago.

Por outra banda, este ano creáronse axudas específicas para que os concellos poidan realizar actuacións de rehabilitación de vivendas no exercicio das súas competencias na materia.

 

A Xunta destina 823.029 euros ás ARI de Pontevedra, Marín e Poio
Comentarios