A Xunta inicia os traballos de mellora da seguridade viaria na estrada PO-531

A actuación dará comezo este luns, centrarase no acceso ao polígono de Sequeiros e, salvo imprevistos, concluirá en seis meses
Ethel Vázquez (dereita) explicando o proxecto a veciños e autoridades do Concello de Barro
photo_camera Ethel Vázquez (dereita) explicando o proxecto a veciños e autoridades do Concello de Barro

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda comezará este luns as obras destinadas á mellora da seguridade viaria na estrada PO-531, na zona de acceso ao polígono industrial de Sequeiros. Tal e como sinala o departamento autonómico, durante os primeiros días levaranse a cabo traballos como a colocación de casetas e sinalización, entre outros.

Esta actuación ten un prazo de execución de seis meses e adxudicouse á empresa Construcións, Obras e Viais, S.A. por máis de 380.000 euros.

O obxectivo principal deste proxecto é acadar a redución da velocidade de circulación na contorna do punto quilométrico 8 da estrada, e, deste xeito, reducir a accidentalidade que rexistra o vial neste tramo. As actuacións previstas centraranse na execución dunha glorieta no principal acceso ao polígono industrial de Sequeiros (Pq.8+250). A construción da rotonda, ademais de mellorar a seguridade viaria no cruce ao evitar os numerosos cruzamentos que se producen desde o carril central actual, conseguirá minimizar o tráfico na contorna.

O proxecto tamén contempla a execución de paradas de autobús cun apartadoiro, de xeito que os buses non terán que deterse no carril de circulación; así como melloras nas barreiras de contención e na sinalización. A actuación compleméntase coa rehabilitación do firme dos accesos ao polígono e ao núcleo de Sequeiros, nun treito antigo da estrada. Ademais, rehabilitarase o firme no acceso ao polígono e ao núcleo de Sequeiros, habilitaranse paradas de autobús e melloraranse as barreiras de contención e a sinalización.

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, mantivo no seu momento reunións co Concello e cos veciños para explicarlles os detalles do proxecto.

Comentarios