A Xunta trabúcase

As enquisas aos cidadáns mostran un moi preocupante descrédito da política e dos seus actores principais, partidos e representantes. E digo moi preocupante porque o bo funcionamento da Sociedade depende de que exista confianza nas institucións de toma de decisións colectivas e na súa execución. Por iso hoxe máis que nunca os partidos e os gobernos teñen que fiar moi fino no que fan e no que din. Recuperar o crédito da política pasa pola coherencia entre o que se predica e o que se fai, por non incumprir promesas ou caer na tentación de crear discursos manifestamente contrarios á realidade percibida pola xente. A Xunta debera reflexionar sobre isto.

Hai unhas semanas anunciouse a creación dun fondo de crecemento para a dinamización da economía galega. Foi un anuncio estrela que non se explicou polo miúdo ata que chegaron os orzamentos para 2013. Hoxe xa sabemos que non é nada, que é un nome baixo o cal agrúpanse programas e actuacións que xa estaban en marcha. E os nomes per se non teñen ningún efecto estimulante sobre a demanda ou a capacidade produtiva dun país. Non se debera xogar con este tipo de anuncios polo ben de todos e polo interese electoral do propio goberno. Teño para min que unha das frontes na que se vai concentrar o discurso crítico da oposición no debate orzamentario vai ser isto. A Xunta deixoullo doado.

A supresión parcial das pagas extra dos empregados públicos autonómicos para 2013 vai contra das promesas e o discurso defendido ata as eleccións de Novembro. Incumprimento de compromiso que chega ao esperpento cando discursivamente quere converterse nunha suba de poder adquisitivo comparado con 2012. Outra vez, non sei quen aconsellou esta estratexia, pero a miña opinión é que errou de cheo. O Presidente perde dúas veces: por incumprir o prometido e por querer alterar a percepción da realidade. E o peor para el é que estou convencido de que non era necesario; que existían solucións alternativas para evitar ese incumprimento e eses custes. Primeira, agardar á revisión do obxectivo de déficit para o conxunto de autonomías alá polo entroido, cando confirmen que España non terá que situarse por baixo do 3% de

déficit ata 2015 ou 2016. Segunda, agardar a que o goberno central anuncie unha rebaixa de retribucións aos empregados públicos, como é probable que pase nos vindeiros 6 meses. Terceira, pensar nun axuste máis imaxinativo e equilibrado entre gastos e ingresos. E a enumeración non remata aí. A reforma do Fondo de Compensación Interterritorial ou a
revisión das regras de reparto do déficit entre Comunidades Autónomas son cousas nas que probablemente teríamos que estar a traballar dende hai tempo par que hoxe puidésemos recoller os froitos.

Comentarios