Na parroquia de Xustáns non existe a confrontación

Os veciños dos catro barrios celebraron a tradicional procesión de San Roque, coa que simbolizan a súa boa convivencia e fraternidade
Os veciños na andaina, portando a imaxe de San Roque
photo_camera Os veciños na andaina, portando a imaxe de San Roque

A veciñanza de Xustáns, en Ponte Caldelas, celebrou este domingo a festa da convivencia entre os catro barrios da parroquia: Sobreiro, Baltar, Aluncía e Chan do Casal. A tradicional procesión de San Roque percorreu os catro lugares cun itinerario que superou os cinco quilómetros e as tres horas de duración.

A comitiva saíu da igrexa de San Martiño de Xustáns ás 16.00 horas e regresou ás 19.00, despois de percorrer camiños municipais, un treito da estrada provincial e corredoiras empedradas, subindo e baixando costas e afrontando un esforzo físico notable co mellor dos ánimos. A andaina conta con participates de todas as idades e nas obrigadas paradas para repoñer forzas, son os propios veciños e mesmo o bar de Xustáns, quenes aportan as bebidas. O esforzo chega a ser tal que algunhas persoas acoden á festa con roupa deportiva.

A procesión, que foi a máis concorrida dos últimos anos, contou coa presencia do alcalde, Andrés Díaz, en representación da totalidade da Corporación local, e foi sumando veciños a medida que ía transcorrendo polos distintos lugares. A recuperación da asistencia de tempos atrás foi outro motivo máis de ledicia colectiva.

Esta cita celébrase sempre o terceiro domingo de setembro e tamén é coñecida como a procesión dos nenos, pois a súa presencia faise notar, tanto a pé como en bicicleta, gozando ao máximo dunha tarde de troula.

A marcha transcorre con música durante o paso polos pobos. Desta volta a animación correspondeu ao grupo de gaitas Os Coribantes. O ambiente é sempre distendido e os saúdos coas persoas maiores que quedan nas súas casas para ver pasar a comitiva e saudar aos participantes forman un dos rituais máis repetidos. A veciñanza de cada lugar adorna os cruceiros e os fitos relixiosos do camiño con alfombras florais e guirnaldas. Ao remate, a comisión organizadora reúnese para determinar o pobo gañador, en recoñecemento ao cruceiro máis fermoso.

Os máis vellos do lugar explican que se celebra dende moitos anos atrás, aínda que ninguén sabe dicir cantos.

Comentarios