A XXVII Semana Galega de Filosofía analizará a situación de Galicia na crise económica

A XXVII Semana Galega de Filosofía, que se celebrará en Pontevedra do 5 ao 9 de abril, analizará a situación de Galicia no contexto xeral de crise, segundo avanzaron representantes da Aula Castelao, que organiza este evento dedicado nesta ocasión ao binomio 'Filosofía e Economía'.

Carlos Calviño, presidente da Aula Castelao, explicou que con este evento pretenden facer unha "análise crítica da situación de Galicia fronte ao Estado e ao mercado", pasando revista tamén a aspectos como o traballo social e o papel dos sindicatos.

"Vendo cáles son os grandes problemas e non equivocándonos nesa análise, poderemos buscar e atopar algunha solución" opinou Calviño, ao tempo que insistiu en que o principal obxectivo desta Semana de Filosofía é contribuír na loita social contra a crise económica.

Aínda que o detalle do contido desta edición se presentará publicamente o próximo xoves, a Aula Castelao comentou hoxe que xa se rexistraron preto de mil inscricións para acudir a esta XXVII edición, que clausurará Xosé Manuel Beiras e contará coa participación, entre outros, de Michael Loving e Jacques Bidet.

Comentarios