O Concello de Bueu acaba de abrir o prazo de licitación para que as empresas interesadas en levar a cabo o acondicionamento dun local para destinar á Sala de Interpretación do Bueu Romano presenten as súas propostas. A data máxima será o día 31 de outubro e as obras, financiadas con cargo a un convenio asinado entre o Concello de Bueu e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, contarán cun orzamento que ascende a 200.477,49 euros, IVE engadido.
As obras que a empresa adxudicataria deberá acometer nun prazo de seis meses serán, entre outras, a execución do cerramento exterior, os pavimentos, as divisións interiores, as instalacións de fontanería, a evacuación de augas, a ventilación, a protección contra incendios, a electricidade e alumeado. Os traballos tamén deben incluir a colocación de carpintería exterior, xanelas e nova porta de acceso, falsos teitos e mobiliario.
Esta actuación será a primeira fase dun proxecto que busca a posta en valor dos restos arqueolóxicos atopados no lugar de Pescadoira, onde se detectaron dous xacementos arqueolóxicos da época romana. A intervención preténdese realizar no contorno de protección do Xacemento romano de Pesqueira e no Xacemento romano de San Martiño, bens incluídos no Catálogo do PXOM do Concello de Bueu e protexidos por Patrimonio de Galicia.
Segundo consta no informe asinado polos concelleiros de Cultura e Patrimonio, a intervención pretende recuperar e poñer en valor este patrimonio vinculado á historia mariñeira de Bueu, co que se completará a oferta museística da vila. Pasando por diferentes puntos, os visitantes poderán percorrer cronoloxicamente a historia da pesca no municipio.