As actividades do FICBueu xa achegaron o cine a 3.000 personas

Carne Cruda estivo en Bueu. DP
photo_camera 'Carne Cruda' estivo en Bueu. DP

Un total de 3.000 persoas asistiron entre o pasado venres e o domingo ás primeiras actividades da undécima edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu. Na primeira fin de semana do evento, case todas as propostas do programa con aforo limitado penduraron o cartel de completo, incluído o acto e o concerto inaugurais. O mesmo aconteceu no show ao vivo De Galicia a Hollywood ou o monólogo de Carlos Blanco, que pechou a axenda do domingo con grandes gargalladas, pero tamén por suposto das proxeccións das seccións Galicia R e España.

As actividades continúan este martes coa participación de Guusje Van Deuren, produtora de Nachtschade (Países Baixos), e a colorista de (Fool Time) Job (Francia), Marine Blin, como convidadas. Ademais destas curtas, dirixidas respectivamente por Shady El-Hamus e Gilles Cuvelier, a partir das 18.00 horas tamén se proxectarán Dxgal (Taiwán), de Hung-En Su, Xiao cheng er yue (China), de Qiu Yang, e Negah (Irán/Italia), de Farnoosh Samadi.

O festival continúa ata este sábado cun amplo programa que inclúe proxeccións e actividades para a rapazada, charlas con críticos cinematográficos e a cerimonia de entrega de premios.

Comentarios