O actor Alfonso Agra recibirá o Premio Cinema Galego do FICBUEU 2021

O galardoado manterá un encontro co público no marco do festival e estará conducido por o realizador marinense Gaspar Broullón
Alfonso Agra. CEDIDA
photo_camera Alfonso Agra. CEDIDA

O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU) na edición deste ano entregará ao actor Alfonso Agra o Premio Cinema Galego, galardón que recoñece a traxectoria de profesionais da industria audiovisual galega e que anteriormente recibiron intérpretes como Antonio Durán Morris, Mabel Rivera, Luis Zahera ou Melania Cruz. Durante a celebración do evento, o homenaxeado manterá o 18 de setembro ás 11.30 horas no Centro Social do Mar de Bueu un encontro co público no que se desvelarán algunhas das facetas máis descoñecidas da súa dilatada carreira.

O realizador marinense Gaspar Broullón será o encargado de conducir a entrevista en profundidade.

Alfonso Agra iniciouse no mundo da interpretación nos anos 80 da man da compañía viguesa Artello. Durante dúas décadas alternou os traballos neste grupo teatral con espectáculos do Centro Dramático Galego, como Os vellos non deben de namorarse, amais de coprotagonizar posteriormente a aclamada O florido pénsil.

No entanto, é coñecido sobre todo polos seus papeis en series galegas como Pratos Combinados, Mareas Vivas ou Serramoura.

Agra ten tamén experiencia como presentador, tanto de informativos como de programas de entretemento. No eido da dobraxe púxolle voz a personaxes tan populares como Yamcha, de Dragon Ball.

Na gran pantalla, traballou, entre outros, nos filmes Entre bateas e Días de voda. Nos últimos anos, afianzou a súa traxectoria sumándose ao reparto de series autóctonas con proxección internacional, entre as que destacan Fariña, na que interpretaba ao narco Manuel Bustelo, e recentemente a produción de Netflix El desorden que dejas.

Comentarios