As alfombras de Bueu engalanarán a vila para celebrar a Festa do Corpus

O evento, declarado de Interese Turístico de Galicia, presenta unha programación coa que busca englobar a todos os segmentos de idade

Autoridades, organizadoras e participantes na festa, na presentación da mesma. DP - Festa do Corpus de Bueu
photo_camera Autoridades, organizadoras e participantes na festa, na presentación da mesma. DP

Máis de sesenta alfombras encherán de cor e arte as rúas da vila de Bueu con motivo da celebración da Festa das Alfombras do Corpus, que será a vindeira fin de semana e na que as persoas visitantes poderán gozar non só da espectacularidade dos tapices, senón tamén de música e actividades para a rapazada.

Esta festa, que organiza a Asociación Cultural das Alfombras de Bueu e o Concello, conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra, a Axencia Galega de Turismo e Abanca e o que busca é poñer en valor esta tradición tan arraigada na vila e vinculala ca cultura, co obxectivo de chegar a todas as franxas de idade da poboación.

Así o detallou o concelleiro de Cultura, Xosé Leal, durante a rolda de prensa celebrada este luns nas inmediacións da Praza de Abastos, na que estivo acompañado do alcalde buenense, Félix Juncal; da presidenta da asociación, Carmen Santos, e do músico Roi Casal, que presentará, a través do programa provincial Musigal, o seu espectáculo Son galego, son cubano no exterior do Centro Social do Mar o sábado a partir das 22.00 horas.

Casal mostrou a súa ledicia por formar parte do programa desta festa, que, nas súas propias palabras, "é unha homenaxe á cor e á diversidade, igual que a música", e aproveitou para tocar unha peza de Rosalía de Castro acompañado dunha arpa céltica.

Leal destacou a importancia "dunha das maiores festas que temos na nosa vila, que ademais conta co distintivo de Festa de Interese Turístico de Galicia", e que buscará achegar a cultura e o lecer a toda a poboación. De aí que os pequenos poidan gozar de diversos inchables e xogos tradicionais na Praza Massó o sábado de 17.00 a 21.00, e o domingo en horario de mañá e de tarde (de 11.30 a 13.30 e de 17.00 a 21.00 horas).

A parte musical estará protagonizada por Roi Casal, co seu show 'Son galego, son cubano', e pola Orquestra Marbella

 

O programa pecharase ese mesmo domingo, día grande e festivo, no que se poderán ver as diversas rúas engalanadas con tapices florais elaborados polas diversas asociacións e colectivos. A verbena estará a cargo da Orquestra Marbella, que actuará pola noite na carpa das Lagoas.

Ademais, este ano a rapazada da vila terá a oportunidade de crear a súa propia alfombra flora. Será o sábado, a partir das 10.00 horas, e terá como temática os personaxes de Os Bolechas.

actos relixiosos. Así mesmo, esta festa contará con actos litúrxicos, como a misa, que se celebrará o domingo ás 18.00 horas no patio interior do Colexio Virxe Milagrosa, cantada pola Coral Polifónica de Bueu. Ao remate sairá a procesión en dirección a Pazos Fontenla, continuando por Eduardo Vincenti, Montero Ríos e volta de novo a Pazos Fontenla e Virxe Milagrosa.

Carmen Santos, presidenta do colectivo das alfombras, salientou durante a rolda de prensa que "o que veremos o próximo domingo é froito do traballo de todo un ano", idea que tamén apuntou o rexedor da vila, Félix Juncal, quen mostrou a súa satisfacción porque "Bueu goza dunha longa primavera cultural, expresada na multitude de eventos que se están impulsando a través de proxectos ilusionantes que agardamos continuar na futuro".

cortes de tráfico. O domingo é o día grande desta festa declarada de Interese Turístico de Galicia. Por iso, a Policía Local deseñou un plan de actuación para a ordenación do tráfico rodado.

Desde o sábado, algunhas rúas xa estarán cortadas, como é o caso do tramo de Montero Ríos, desde Rosalía de Castro a Francisco Escáneo (a partir das 09 .00 horas); Pazos Fontenla, desde Francisco Escáneo a Alexandre Bóveda (a partir das 15.00); Eduardo Vincenti, desde Montero Ríos a Pazos Fontenla (a partir das 18.00) e, por último, ás 20.00, permanecerán pechados os tramos de Montero Ríos e de Pazos Fontenla que xa sufrirán cortes momentáneos de tráfico desde o comezo das festas, ás que se espera que asista un gran número de visitantes.

Comentarios