"Para algunhas empresas os tripulantes son carne; non lles importa nada"

A CIG denuncia que aos traballadores do Venturer, o pesqueiro que se atopa en corentena en Brasil, "ninguén os está informando"
A cuberta do Venturer, estes días, totalmente vacía. CEDIDA
photo_camera A cuberta do Venturer, estes días, totalmente vacía. CEDIDA
Os máis de medio cento de tripulantes do Venturer, o buque pesqueiro que se atopa en corentena en Brasil tras a detección de varios casos de coronavirus a bordo durante a súa travesía cara o caladeiro de Malvinas, continúan sen recibir información por parte de ningunha administración. Así o manifestou o sindicato CIG en representación dos cerca de 25 galegos que se atopan en illamento a bordo do buque, dos que polo menos unha decena son das localidades do Morrazo.

"Temos confirmado por xente de a bordo que ninguén lles está informando de nada. O cónsul debe estar falando coa empresa e co capitán, pero coa tripulación ninguén fala", expresan as fontes sindicais.

Ademais, segundo aseguran os representantes sindicais, tamén puideron confirmar que tres dos cinco traballadores hospitalizados xa puideron regresar ao barco, mentres que o veciño do Hío continúa en estado grave ingresado na Uci do hospital de Salvador de Bahía. A familia, que se manten en contacto coa CIG, continúa agardando información con respecto á intervención á que foi sometido.

O sindicato criticou a postura da empresa, xa que "a súa pretensión é que se nas próximas PCR os tripulantes saen negativos é ir igual ata o caladeiro. O problema é terrible. Para algunhas empresas os tripulantes son cachos de carne. Non lles importa nada", manifestó su representante en Marín. Este mércores os mariñeiros serán sometidos a test PCR para coñecer o estado do gromo, que será o que marque o seu futuro con respecto a súa situación de corentena en Brasil. "Non está nada confirmado", indica a CIG.

Outra das demandas do sindicato é que a administración se posicione. "A Xunta non contestou, en Madrid tampouco dixeron nada. O consulado si que fala con algunha familia, e a empresa co capitán, pero ninguén informa de nada", reclama, así como que "o normal é que esta xente volva para a terra, pero iso só o pode conseguir a administración e mira para outro lado".

CONDICIÓNS. Ademais da falta de información, a CIG tamén denunciou as condicións nas que se atopan os tripulantes.

"Os peruanos están confinados nos seus camarotes, pero o resto non sabe nada, nin como actuar. Non teñen aire acondicionado e están a 30 e pico grados. Algúns dúchanse en cuberta", sentencia.

Comentarios