Alumnado do IES Illa de Ons presenta o mapa-guía "E ti de quen vés sendo?"

Esta iniciativa, que recolle os lugares máis emblemáticos de Bueu, foi elaborada por 25 estudantes de cuarto curso
2020071813333567551
photo_camera Presentación da guía polas alumnas e a concelleira Silvia Carballo. CEDIDA

Catro alumnas do instituto Illa de Ons foron as encargadas de dar a coñecer onte no Salón de Plenos do Concello de Bueu o proxecto "E ti de quen vés sendo?". Trátase dun mapa-guía, elaborado polos 25 alumnos de cuarto curso, no que se presenta un percorrido polos lugares máis destacados da vila, dende espazos arqueolóxicos como os restos romanos de Pescadoira ata espazos naturais como o arquipélago das Ons, interpretando a súa etnografía.

"É unha honra para nós que a rapazada cree proxectos de divulgación da riqueza da nosa vila". Así introduciu esta iniciativa a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Silvia Carballo, que se sente moi agradecida polo traballo que se está levando a cabo desde o centro educativo non só a nivel comarcal, senón a nivel de toda Galicia. "Estano facendo pola cultura do pobo, é un legado para que futuras xeracións coñezan o noso", felicitou a concelleira a alumnado e profesorado.

Antía Novas, Diana Ogando, Sara Soliño e Paula Fernández foron as representantes do alumnado de cuarto curso que deron a coñcer o proceso de creación da guía, que xurdiu no departamento de Lingua Galega e Literatura. "A idea veu despois de organizar unha serie de saídas a espazos significativos do concello que poderían chamar a atención non só dos veciños senón tamén de visitantes" explicou Diana. Concretamente, foron dúas saídas nas que percorreron o estaleiro de Purro, a praia da Banda do Río, o río Bispo ou o Museo Massó, entre outros.

Por mor da situación xerada polo coronavirus e a pandemia, víronse obrigados a traballar na guía desde casa. "Fixemos unhas fichas que debiamos completar nos nosos dispositivos móbiles" aclararon. Ademais, tamén contaron coa axuda do profesorado que lles facilitou webs nas que recoller a información, destacando a do investigador bueuense Arturo Cidrás. O Concello tamén lles proporcionou recursos así como o propio Museo Massó, onde destacan a colaboración da súa directora, Covadonga López de Prado.

Os rapaces e rapazas de cuarto curso chegaron a definir ata 30 puntos de interese no mapa da vila. Porén, debido ao formato da guía (un políptico A6) víronse obrigados a limitalos a oito. Sobre o nome da guía, "E ti de que vés sendo?", sinalaron que foi escollido tras o éxito dunha campaña de turismo do Concello que levou o nome anos atrás para promocionar visitas á vila.

Esta guía que pretende "axudar a coñecer o pasado e conectalo co noso presente" enmárcase dentro dos Contratos-Programa da Consellería de Educación, dotados polo Fondo Social Europeo. Ademais do Departamento de Lingua Galega e Literatura tamén participaron o de Tecnoloxía e Educación Plástica e Visual. O alumnado que a realizou estivo coordinado polo mestre Anxo X. Rajó. O deseño correu a cargo de Enrique Pérez, a revisión lingüística realizouna Xoán Rodríguez e a responsable da maquetación foi Olalla García.

"E ti de quen vés sendo" é unha iniciativa innovadora que busca poñer en valor o territorio.

Ruta: Puntos sinalados do mapa
1. Igrexa de San Martiño: Construída no século XII conta cun cruceiro neoclásico no adro e un dos tres únicos Calvarios barrocos de Galicia 

2. Río Bispo: Na senda deste río atópase vexetación de ribeira, o lavadoiro de Trasouto e tres muíños. Na parte baixa do río está o campo da Estacada, onde os mariñeiros secaban as redes. 

3. Estaleiro de Purro: Foi unha das últimas carpintarías de ribeira de Galicia. Nela construíanse embarcacións tradicionais como chalanas ou botes pulpeiros. Está declarado Ben de Interese Cultural. 

4. Restos de Pescadoira: Aquí atopáronse catro fornos oleiros da época romana nos que se fabricaban ánforas para o transporte do peixe.

 

Comentarios