Os alumnos do CEIP Carballal non poderán volver as aulas ata o 16 de setembro

O arranque das clases no centro posporase uns días, xa que as condicións extraordinarias dilataron a data de finalización das obras de mellora enerxética
Un momento da visita levada a cabo. CEDIDA
photo_camera Un momento da visita levada a cabo. CEDIDA

Os alumnos e alumnas do CEIP Carballal terán que agardar case unha semana máis para poder regresar as aulas. Non será ata o próximo 16 de setembro cando os cativo poidan volver as aulas, xa que as obras de mellora enérxetica se retrasaron debido as condicións extraordinarias que se están vivindo. Esta situación afecta a preto de 340 familias.

Con todo, a alcaldesa de Marín, María Ramallo, e o xefe territorial de Educación da Xunta de Galicia en Pontevedra, César Ares, visitaron onte as instalacións do CEIP O Carballal para ver o estado das obras, executadas por un importe de 656.817,04 euros.

Esta importante actuación suporá a mellora da eficiencia enerxética para o centro educativo, incluíndo o illamento exterior da fachada, instalando ademais novas ventás e persianas e reparando e pintando o interior.

A pesar do bo ritmo que levaron os traballos desde o seu inicio, e que están enmarcados no Plan de Dotación de Infraestruturas Educativas de Galicia 2016/2021, as circunstancias propias dun ano tan complexo coma este fixeron que os prazos de finalización da mesma sexan algo máis dilatados, debido á necesidade que houbo de cumprir e adoptar todos os protocolos de limpeza, hixienización e prevención da Covid19.

Debido a isto, a alcaldesa adiantou que se posporá uns días o inicio de curso neste centro escolar, concretamente até o 16 de setembro. Esta reincorporación dos escolares do Carballal tamén será progresiva e está previsto que a próxima semana se remita toda a información.

Todas as actuacións combinadas que se están a executar no marco das obras suporán un aforro enerxético anual para o centro dun 24,19% en consumo de enerxía primaria e dun 26,52% en emisións de CO2, e redundará nun maior confort térmico para esta comunidade educativa.

Comentarios