Ana Pontón participará na presentación da campaña do BNG de Marín

O acto público terá lugar o venres 14 de outubro e nel presentarase o primeiro tramo da candidatura do grupo nacionalista para as eleccións municipais de maio de 2023
Ana Pontón e Lucía Santos, candidata do BNG en Marín
photo_camera Ana Pontón e Lucía Santos, candidata do BNG en Marín. DP

O grupo municipal do BNG celebrará un acto público o venres 14 de outubro ás 20.00 horas, no que se presentará o primeiro tramo da súa candidatura, os 10 primeiros postos, para as vindeiras eleccións municipais de maio de 2023.

No acto intervirán a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que se achegará a Marín para "arroupar e apoiar a candidatura do BNG de Marín, e a portavoz municipal Lucía Santos", indican dende o partido. Neste momento estase traballando na organización do acto, polo que nas vindeiras semanas irase completando o formato e o lugar do mesmo.

O pasado 2 de xuño o BNG de Marín anunciou que Lucía Santos encabezará a candidatura do BNG de Marín, tras ser aprobado por unanimidade nunha asemblea celebrada en maio. E o pasado 9 de setembro a Asemblea Local do BNG de Marín aprobou, novamente por unanimidade, o primeiro tramo da candidatura para as eleccións de maio de 2023, concretamente os dez primeiros postos.

O grupo municipal nacionalista ven traballando na preparación deste proceso electoral desde hai tempo, "o que pon de manifesto a seriedade da nosa organización e o noso compromiso con Marín. O BNG presentará nas eleccións municipais unha candidatura e un programa ilusionantes, con ideas e un proxecto transformador de cara a reverter a preocupante situación na que se atopa o noso concello, que se pon de manifesto na dramática perda de poboación nos últimos 11 anos, baixo o goberno do PP" en palabras do responsable local do BNG de Marín, Xurxo Agra.

Comentarios