Anduxía alerta de que Ons perderá protección co PRUX das Illas Atlánticas

A asociación advirte de que o plan pretende eliminar o 80% da Zona de Reserva, afectando aos cantís e ás dunas

Un corvo mariño cristado. CEDIDA
photo_camera Un corvo mariño cristado. CEDIDA

"Consideramos que a actual proposta do PRUX das Illas Atlánticas discrimina gravemente os valores naturais da Illa de Ons". Así de taxante comeza o escrito remitido á Consellería de Medio Ambiente pola asociación ecoloxista Anduxía, onde se recollen as alegacións que lle fan ao Plan Reitor de Usos e Xestión do Parque Nacional. Precisamente onte acabou o prazo para presentar os documentos con estas consideracións, antes de que se inicie a redacción final do proxecto. Recibíronse vinte, entre os que figura, ademais do de Anduxía, o do Concello de Bueu.

O colectivo advirte de que é un plan "moi pobre" e feito "con datos desactualizados" e que prevé eliminar o 80% da Zona de Reserva da illa, que afectaría aos seus cantís e ás zonas dunares, todo o contrario do que recollía a proposta de PRUX do ano 2011, que apostaba por ampliar esta zona nun 30%. A eliminación desta zona, recollida no Plan de Ordenación do Parque (PORN), que data do 1999, suporía a diminución do grao de protección destes lugares da illa. "Carece totalmente de sentido", alegan, xa que nos cantís albérgase a maior colonia do Sur de Europa do corvo mariño cristado, un tipo de cormorán, do que hai cerca de 600 parellas reproductoras e que está catalogado como especie vulnerable. Ademais, tamén está presente a xesta de Ons, "única no mundo, a xoia botánica das Illas Atlánticas". Con esta desprotección, "abriríase a porta a determinados usos ata agora prohibidos, como o tránsito de visitantes, a instalación de infraestruturas ou a apertura de camiños". Anduxía cre que a medida entra en conflito co propio PORN, co mesmo PRUX (no que se recolle a protección de especies en perigo de extinción), co Plan Director da Rede de Parques Nacionais e ca Lei de Conservación da Natureza. "Todas estas contradicións legais poden ser motivo de impugnación", aseguran.

Por outra banda, a asociación denuncia que esta degradación da protección só se vai dar en Ons, xa que "os cantís e as dunas das Illas Cíes seguen catalogadas como Zona de Reserva". Así mesmo, alertan de que tampouco se contempla a franxa de reserva mariña que se propoñía no 2011, "co que o arquipélago de Bueu é o único do parque que non vai ter reserva mariña". "Se o problema é o tránsito de mariñeiros e percebeiros a través destas zonas, o órgano competente pode autorizalo sen necesidade de descatalogar 200 hectáreas da Zona de Reserva", argumentan, "ben a través dunha autorización expresa ou engadindo esa excepción no propio PRUX". "A baixada destes traballadores do mar polos cantís leva realizándose desde que a illa está habitada sen producir o máis mínimo impacto sobre o ecosistema, polo que é un uso totalmente compatible", expoñen.

Comentarios