Anduxía lamenta o cambio de postura de Costas ante o recheo da praia Banda do Río

A administración autorizou as obras de Portos para construir o acceso ao peirao de pasaxeiros de Bueu
O cartel de proposta colocado por Anduxía nas obras.  DP
photo_camera O cartel de proposta colocado por Anduxía nas obras. DP

A asociación ecoloxista Anduxía de Bueu lamentou a decisión de Costas do Estado de levantar a paralización das obras para a construción dun acceso ao peirao de pasaxeiros no Porto de Bueu, unha actuación que está sendo acometida por Portos de Galicia e que supón un recheo de cemento de 80 metros cadrados da praia Banda do Río. O colectivo considera "lamentable e indignante" o cambio de postura do Goberno central.

Costas do Estado solicitou a finais de marzo que a administración autonómica paralizara ditos traballos porque consideraba necesario valorar a tramitación dun novo informe de adscrición. Non obstante, vén de autorizar a continuación das obras porque, segundo manifestaron, "non supoñen unha modificación sustancial da zona e enténdese que a ocupación dunha franxa do areal é compatible cos usos pretendidos".

Dende Anduxía consideran que o argumento de Costas "carece de sentido" e que dita administración "falla na súa función de policía para salvagardar as praias e o dominio público marítimo-terrestre".

O colectivo ecoloxista, así mesmo, sinala ao Concello de Bueu, ao que critican porque "nunca fixo nada por tratar de solucionar esta situación". En canto á posición de Portos, Anduxía sinala que "é triste que siga dando as costas á realidade social deste pobo".

Comentarios