Anduxía solicita limitar as visitas a Ons para preservar os seus valores

Asegura que na illa poden xuntarse 4.000 persoas ao día, o que afectaría á seguridade

Bañistas na praia de Ons. CEDIDA
photo_camera Bañistas na praia de Ons. CEDIDA

A Asociación Ecoloxista Anduxía de Bueu considera que se debe establecer "urxentemente" un límite provisional de visitantes diarios á Illa de Ons. O colectivo solicita ao Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia que leve a cabo esta medida, co fin de "preservar os seus valores naturais e garantir a seguridade dos visitantes".

Anduxía leva demandando á Administración autonómica o establecemento dunha cota diaria para Ons, ao entender que ao facelo efectivo nas Illas Cíes se ía producir un "efecto rebote" que tería consecuencias sobre o medio natural da Illa de Ons.

Todo apunta a que así está acontecer, pois, segundo as informacións que manexa o colectivo, "é máis que posible que estas semanas se estean a superar os 3.500 visitantes diarios en Ons e, se a isto lle sumamos os campistas e os residentes das casas (veciños e xente de aluguer) acádanse facilmente as 4.000 persoas diarias na illa", explican.

CONSECUENCIAS. O colectivo ecoloxista denuncia que xa se están a deixar notar as consecuencias graves deste 'overbooking', pois a depuradora non pode asumir o volume de augas residuais que se xeneran na illa e está a producir continuos verquidos. Tamén se está a sufrir unha importante acumulación de lixo e aseguran que a zona do peirao atópase "masificada, o que pode ocasionar graves problemas de seguridade, pois carece de valado".

Tamén indican que está saturada a zona de Curro e que e os restaurantes se ven sobrepasados pola cantidade de xente, "que incluso chegou a facer hora e media de cola para comer". Outra cuestión que preocupa ao colectivo é o consumo de agua, que tachan de "despropocionado", a causa do gran volume de xente.

EVACUACIÓN. Ao colectivo ecoloxista preocúpalle tamén o "grande problema de seguridade pública", pois consideran que a capacidade de resposta ou de evacuación ante unha emerxencia "atópase seriamente comprometida".

O Parque Nacional das Illas Atlánticas establece un límite provisional de visitantes para evitar afeccións sobre o medio natural. Sálvora e Cortegada conta cun límite de visitantes diarios establecido polo Parque Nacional no ano 2006.

A día de hoxe a illa de Ons é a única do Parque Nacional que carece aínda de límite de visitantes diario polo que Anduxía considera que se está a "prexudicar ou discriminar" o grado de protección desta illa con respecto os outros arquipélagos das Illas Atlánticas.

Lembran tamén que "a Dirección Xeral de Patrimonio Natural declarou o pasado mes de marzo nos medios de comunicación que a pesar de que Ons non tiña aínda unha cota diaria non se ía consentir a "barra libre" de visitantes".

Comentarios