viernes. 05.06.2020 |
El tiempo
viernes. 05.06.2020
El tiempo

O Ano Torres saca o seu lado máis audiovisual para homenaxear o pintor

Un dos fragmentos do primeiro vídeo dispoñible sobre Manuel Torres.
Un dos fragmentos do primeiro vídeo dispoñible sobre Manuel Torres.
O Concello de Marín colgará nas redes sociais oficiais vídeos relacionados coa vida de Manuel Torres

O confinamento impide que a poboación saia de casa e que faga plans culturais en familia, en parella ou con amigos, que moitas veces engrosan a lista de lugares pendentes de visitar. A realidade do coronavirus paralizou todo, por unha causa maior como é o restablecemento da saúde pública, pero neste contexto, a cultura, lonxe de paralizarse, segue crecendo e sendo compartida coas posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías.

En Marín, o 2020 ten un nome propio fundamental no plano cultural: Manuel Torres. Neste mes de maio, cúmprense 25 anos desde o falecemento dun dos maiores artistas da vila, o que motivou a presentación en xaneiro do Ano Torres, unha iniciativa para poñer en valor ao pintor marinense que espallaría diversas actividades ao longo do ano centradas na súa figura.

A situación de crise sanitaria que estamos a vivir paralizou a celebración dalgunhas desta citas que estaban previstas para os vindeiros meses, polo que a Concellaría de Cultura ideou a maneira de, a pesar das restricións do estado de alarma, achegar a vida e a obra de Manuel Torres ás casas de toda a veciñanza.

Así, desde agora en diante e baixo o lema En Marín, #ACulturaSegue, o Concello lanza pequenos vídeos nos que se resumen anécdotas e datos de interese sobre o pintor. Este formato audiovisual quere funcionar como pequenas pílulas de cultura, que sirvan como entretemento durante estes días de confinamento, á vez que aportan novos coñecementos á sociedade sobre un artista imprescindible.

O primeiro vídeo, que se pode consultar nas redes sociais oficiais do Concello así como na páxina web, conta como Torres viviu a pandemia de gripe de 1918, que tamén afectou á vida académica de Marín, polo que o pintor, que tamén era docente, puido centrarse na súa maior afección.

A espera do que suceda cando a situación retorne a normalidade, unha das iniciativas que estaban programadas dentro do Ano Torres era a reorganización da colección permanente que foi doada polo pintor ao Museo (composta por 77 obras).

Tamén, outro dos obxectivos era que os centros educativos do municipio se involucrasen co Ano Torres distribuíndo polos colexios o caderno Pinta con.... Ademáis tamén se quere involucrar a veciñanza para que coñeza en profundidade ó pintor realizando unha sereie de roteiros por puntos claves da vila marinense.

O Ano Torres saca o seu lado máis audiovisual para homenaxear o pintor
Comentarios