Unha app con todo o comercio local do Morrazo

A Federación de Comerciantes e Industruais do Morrazo vén de poñer en marcha unha app móbil coa que achegarse aos clientes 
A nova app do comercio do Morrazo no móbil
photo_camera A nova app do comercio do Morrazo no móbil

A grandes males, grandes remedios. No medio dunha pandemia mundial que nos ten abocados a unha crise moi profunda, que no caso do comercio xa viña padecendo desde hai algún tempo, derivada das vendas de grandes plataformas por internet ou polos centros comerciais, Fecimo leva meses poñendo en práctica novas fórmulas que axuden a paliar esta angustiosa situación.

Neste sentido, a Federación xa ten dispoñible, tanto para dispositivos Android como iOS a nova app Comercio do Morrazo. Esta atópase entre as moitas ferramentas e medios que, dende a entidade, desenvolvemos e lanzamos co obxectivo de achegar aos clientes aínda máis ao comercio local da comarca, dentro do panorama dixital, tan necesario para os tempos que corren.

Esta atractiva iniciativa permite mellorar a experiencia do usuario e facilitarlle determinadas accións vinculadas ao tecido comercial e empresarial da comarca que lle resulta máis rápido e doado que usar a propia web cando se está a empregar un móbil ou tablet en calquera lugar e momento do día ou da noite.

O COMERCIO NO MÓBIL. "Unha vez que se descarga a app na tenda de aplicacións que teña o dispositivo móbil ou tablet (Google Play Store ou App Store), permitirá ter o comercio local da comarca no móbil, podendo obter importantes vantaxes e facilidades de forma gratuíta para todos e todas", explica Fecimo.

Ademais, engade que "o usuario poderá localizar os establecementos de calquera vila do Morrazo (Moaña, Cangas, Bueu e ata Marín) directamente nun mapa interactivo, e mesmo buscar negocios a través de interesantes filtros como localidade, sector, reparto a domicilio, tarxeta de fidelización ou que participen en sorteos ou campañas". 

Así mesmo, tamén se poderán rexistrar os códigos dos sorteos das campañas organizadas por Fecimo para o comercio do Morrazo que se realicen ao longo do ano, como a de Nadal, e poder saber ao momento se resultou gañador ou quedar rexistrada a súa participación para os sorteos finais.

Como gran fortaleza da aplicación móbil, o cliente terá a opción de rexistrar e obter a Tarxeta de Fidelización virtual para poder empregar con cada compra ou consumición que realice naqueles locais participantes asociados, e mesmo acceder á súa conta persoal do club de clientes do Comercio do Morrazo para comprobar o seu saldo e os seus movementos coa tarxeta.

Ademais, tamén ofrece as últimas novas de actualidade sobre os establecementos da comarca, pero ao longo destes meses, a app irá desenvolvendo máis opcións interesantes para a clientela que Fecimo irá comunicando de forma paralela ao seu lanzamento.

MAÍS DE 500. Neste momento, na app xa se poden atopar máis de medio milleiro de establecementos, dos que en Moaña se superan os 80, en Cangas os 165, en Bueu os 115 e en Marín os 140.

A través desta novedosa aplicación, os usuarios poden localizar e informarse do sector ao que pertence, se ten reparto a domicilio, tarxeta de fidelización ou si participan en sorteos ou campañas impulsadas pola Federación.

Unha das grandes novidades que xa se empeza a visualizar nos últimos meses e a participación, ademais das asociacións de comerciantes de Bueu, Cangas e Moaña, da Asociación Centro Comercial Local Estrela de Marín, de xeito que se aproveitan as sinerxias para acadar mellores resultados en cada iniciativa.

A primera gran acción conxunta foi a Campaña de Nadal, que acabou cun enorme éxito de participación, tanto de comercios e diferentes establecementos dos catro municipios, como de clientes que se sumaron á iniciativa.

Na mesma liña, Estrela de Marín tamén se sumará a partir do luns á posta en circulación da Tarxeta de Fidelización que Fecimo xa ten en marcha desde hai algúns meses. Son moitas as vantaxes de participar e pertencer a este club, xa que coa tarxeta poderase participar en tódolos sorteos que se realicen dende a federación, usar as promocións de cada negocio participante, acumular saldo con cada compra, etc.

Unha campaña con 900 euros en premios
A Tarxeta de Fidelización do Comercio do Morrazo será a ferramenta necesaria para participar na campaña, que está a organizar Fecimo e na que se sortearán 900 euros en premios nas localidades de Moaña, Bueu e Cangas.
Participar nesta iniciativa será moi sinxelo e beneficioso tanto para os clientes como para os establecementos, de xeito que os primeiros deberán utilizar la Tarxeta Comercio do Morrazo en todas as súas compras ou consumicións que fagan nos establecementos adheridos ao longo de todo o mes de febreiro.

Sorteo
Posteriormente, haberá un sorteo entre todos os clientes que utilizaron a citada tarxeta durante todo o mes e repartiranse 900 euros en premios. Ademais, ao tempo que participan na campaña seguirán acumulando saldo, independentemente de que resulten gañadores ou non.
Os interesados poden obter a tarxeta rexistrándose en www.comerciodomorrazo.com ou na app móbil Comercio do Morrazo, así como solicitándoa en calquera local participante.
Fecimo anima a todos os veciños a participar.

Comentarios