A ARMH de Marín lembra un ano máis aos fusilados

A Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica celebrou o último día do ano a 'Homenaxe aos que defenderon a liberdade'
Un momento da homenaxe celebrada o 31 de decembro a mediodía no Paseo Alcalde Blanco. DP
photo_camera Un momento da homenaxe celebrada o 31 de decembro a mediodía no Paseo Alcalde Blanco. DP

Nun xa renovado Paseo Alcalde Blanco, a Asociación pola Recuperaación da Memoria Histórica (ARMH) de Marín celebrou no último día do ano a tradicional e anual Homenaxe aos que defenderon a liberdade, acto que ten por obxectivo lembrar a aqueles veciños da vila marinense que foron fusilados o 31 de decembro de 1936.

O acto, que rendeu homenaxe a Albino Agraso Santamaría, Antonio Blanco Solla, Amando Iglesias Pérez, Demetrio Lorenzo Ordóñez, Santiago Ramos Ramos e Bernardino de la Torre Fernández, interviron representantes da asociación, que recitaron unha serie de poemas do xornalista e escritor marinense Urbano R. Moledo, que tamén foi executado en 1936 polo réxime franquista. Ademais, o pasado mes de decembro, a ARMH organizou unhas xornadas no seu nome para dar a coñecer a súa actividade social e política.

Durante a homenaxe do venres non faltou nin a música -por parte de Amigos da Memoria- nin a típica ofrenda floral, que este ano se fixo por partida dobre. Por unha parte, unha das fillas dun dos fusilados, foi a encargada de tirar ao mar un ramo, xa que o seu pai, Santiago Ramos, fora fusilado por ter o cargo de presidente dos mariñeiros naquela época.

Tamén como xa é habitual, a neta de Antonio Blanco foi a que colocou ao lado da placa situada no paseo outro ramo en lembranza do seu avó e do resto de veciños executados a máns do réxime franquista.

A Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica de Marín leva xa case dúas décadas organizando esta homenaxe. No ano 2000, a entidade solicitara ao Goberno local do momento que se lle puxese o nome de Alcalde Blanco ao paseo, pero non foi ata o 2003 cando se oficializou coa colocación da placa, momento no que a Asociación comezou a render un homenaxe anual a estes seis veciños cada 31 de decembro.

Comentarios