O Multiusos da Praza de Abastos acolleu este sábado o tradicional e irrecoñecible cheiro a castañas asadas. Este arrecendo, típico da tempada outonal, conquistou a localidade debido á celebración do tradicional Magosto Saljariteiro, que repartiu entre os veciños e veciñas os recoñecidos cucuruchos cheos do produto estrela da estación e do mes de novembro.
O grupo de cantos de taberna do municipio, en colaboración co Concello de Marín, fíxose cargo, por segundo ano consecutivo, deste tradicional evento. O magosto, unha cita imperdible da axenda cultural marinense en outono, adoitaba estar coordinada pola xa desaparecida Asociación de Pescadores Tenlo, que foi sucedida polo afán e o espírito dos Saljariteiros de non deixar perder os costumes na localidade.
O evento arrancou a primeira hora da tarde, preto das 17.00 horas, e dende o inicio a música non deixou de soar. Este ano, o Magosto Saljariteiro estivo acompañado pola música da terra interpretada polo grupo Son da Illa, cuxas melodías tradicionais convertéronse este sábado na banda sonora do Multiusos. E coa presenza dos Saljariteiros tampouco puideron faltar os seus típicos cantos de taberna para amenizar a tarde outonal.
