Jueves. 21.03.2019 |
El tiempo
Jueves. 21.03.2019
El tiempo

As que lavan na Moreira

Lola e Toñita son veciñas de toda a vida deste lugar do rural marinense. CAROLINA NEIRA
Lola e Toñita son veciñas de toda a vida deste lugar do rural marinense. CAROLINA NEIRA

A día de hoxe aínda hai persoas na vila marinense que van a diario ao lavadoiro. Estes lugares, como antano, convértense en centros de encontro onde, mentres a xente lava a roupa, comparte as súas preocupacións e anécdotas

CANDO O FILLO de Toñita lle apareceu cunha nova lavadora, case o deixa na porta da casa. "Xa estropeei catro e o técnico sempre di o mesmo, que é pola falta de uso". Ela, a pesar da súa lonxevidade, prefire carrexar a roupa ata o lavadoiro da Moreira, onde vive, e frotar contra a pedra para despois poñer a clareo toda aquela mancha que se lle resiste aos deterxentes.

Con ela está moitas veces Lola, outra veciña da zona, que tampouco é moi amiga do centrifugado e da programación dos lavados. "Pero vostede ten ou non lavadora?", pregúntolle, dubidosa. "E logo, como non vou ter? Compreina eu", responde ela, que rapidamente remata a súa confesións asegurando que "o que pasa é que como é automática e hai cousas que non lle sei tocar, pois tampouco a utilizo moito". Ela e Toñita rompen a rir.

O lavadoiro da Moreira, igual ca os que están espallados polas zonas máis rurais de Marín, son pequenos centros de encontro entre mulleres (ver a un home lavando é practicamente unha utopía). Moitas delas son veciñas e coñecidas de toda a vida e comparten, durante o quefacer de limpar a roupa, os seus recordos, preocupacións e anécdotas.

Así a todo, estas dúas asiduas afirman que agora xa non hai tanta xente como antano. "É raro ver isto cheo", aseguran, sobre todo se un pensa na xente nova. "Isto é para as vellas", di Lola, pero non sempre foi así. Elas, cando eran novas, ían lavar, coma unha obriga máis dese traballo invisible e non remunerado que é o doméstico. Ambas estiveron adicadas á casa e ao coidado dos animais toda a vida. Incluso cando os seus fillos eran pequenos, "viñan con nós e aprendiámoslles a lavar algún trapo", pero o estrés e a forma de vida da mocidade actual, a anos luz do ritmo da delas, impídelle aos máis novos manter a tradición de ir ao lavadoiro.

Houbo unha vez un señor que era de fóra de Galicia, que me dicía que ogallá el vivise aquí, que lle parecía unha zona preciosa e de ricos, polas boas casas que hai. Eu xa lle dixen que haber, hai de todo

"Ti pensa que unha persoa que traballa non pode perder tanto tempo aquí, porque se ves lavar podes chegar a botar unha ou dúas horas", explica Lola. Precisamente, os horarios de traballo son os que frean a outra veciña, que si que é nova, a vir máis. "Cando non ten que ir traballar, gústalle vir, pero claro, non sempre pode".

Igual que a realidade social foi mudando, o mesmo pasou coa Moreira. Antes, todo o que rodeaba o lavadoiro era campo, mentres que agora pasa por alí unha estrada asfaltada que une este punto do rural co centro de Marín.

Na Moreira, contra a tendencia doutras zonas do rural, non hai despoboación. "Agora hai moitísimas casas novas", afirma Toñita. De feito, conta como nos últimos temos, algunhas delas fixéronse novas, e da unha imaxe de riqueza a aqueles que veñen de visita. "Houbo unha vez un señor que era de fóra de Galicia, que me dicía que ogallá el vivise aquí, que lle parecía unha zona preciosa e de ricos, polas boas casas que hai. Eu xa lle dixen que haber, hai de todo".

Durante a charla lembran anécdotas da súa vida, de cando eran máis novas, de antes de ter fillos, de antes de casar, de como o mundo foi cambiando e de como elas tiveron que adaptarse a el. As súas historias serven de entretemento ás súas mans, que non paran de coller prendas, enxaboalas, frotalas e escorrelas, un traballo mecánico e físico que, sen embargo, fan case sen esforzo. Son os anos e a experiencia os motores que moven os seus músculos. Pero tamén a compaña.

"Aquí a roupa queda mellor", insiste Toñita, que espera que nunca máis os seus fillos lle regalen unha lavadora. "Total, para non usala...".

Melloras
100.000 euros en dous mandatos


O lavadoiro da Moreira está reformado, "aínda que sempre foi un bo lavadoiro", afirman ambas veciñas. O Concello ten recuperado outros ao longo do municipio, como o de Cruxeiras e Troncosa, con proxectos de envergadura que moitas veces supuxeron un importante investimento. Tal e como conta o concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, tamén se realizaron labores de mantemento nos de Sobreiras, Cadrelo, Aguete, Mogor, Pontiña e Bouza, "cun investimento total aproximado de 100.000 euros nos últimos dous mandatos", detalla o edil marinense.

As que lavan na Moreira
Comentarios