O Ateneo Santa Cecilia celebra os 70 anos como motor cultural da vila marinense

Dentro da programación que a entidade leva dende o pasado sábado ofrecendo por motivo do aniversario, este martes tivo lugar o tradicional acto para render homenaxe aos socios veteranos
Entrega do diploma aos irmáns Garrido Bonet. RAFA FARIÑA
photo_camera Entrega do diploma aos irmáns Garrido Bonet. RAFA FARIÑA

O 22 de novembro de 1952 un grupo de amigos da música decidiron unirse para dar vida a unha asociación cultural na localidade marinense. Este martes, 70 anos despois do nacemento deste proxecto, o Ateneo Santa Cecilia celebrou o seu aniversario como unha forma de honrar unha longa traxectoria promovendo a cultura e a tradición na vila. Co seu presidente, Lois Dopazo, tomando a voz cantante, o espazo Multiusos da Praza de Abastos de Marín acolleu unha emotiva cita amenizada pola Banda de Música da Brilat.

Como unha das tres asociacións culturais máis antiguas de Galicia que aínda seguen en activo, o Ateneo Santa Cecilia celebrou a súa continuidade tras pasar, segundo sinalou o propio Dopazo, "por moitas dificultades". Tras un longo percorrido co paso dos anos, esta entidade conseguiu facerse un oco na conformación da axenda cultural local, ata converterse a día de hoxe nunha peza fundamental da historia marinense. 

Neste tempo, "o apoio dos socios, foi e segue sendo fundamental", asegura Dopazo, quen, ademais, quixo reivindicar unha situación distinta por parte das institucións. A pesar de confirmar a existencia de axuda institucional, o presidente do Ateneo reclama un maior apoio. "O local no que estamos, de dimensións reducidas, é insuficiente para gardar o noso arquivo, que é a historia de Marín; non somos unha asociación calquera, somos o Ateneo Santa Cecilia, con 70 anos ao lombo que xa empezan a pesar", dixo.

O acto tamén rendiu a tradicional homenaxe aos socios veteranos da asociación, un recoñecemento que este ano correspondeu, por antigüedade, á socia María del Carmen Dapena, quen non puido asistir ao evento por motivos de saúde, e aos irmáns Miguel e José Garrido Bonet. Da man da vicepresidenta do Ateneo, Isabel Martínez, e o membro da directiva Celso Méndez, fíxose entrega aos homenaxeados dun diploma de agradecemento pola súa constancia e apoio á entidade ao longo dos anos.

O acto rematou coa entrega dun agasallo do Ateneo aos membros da banda musical da Brilat.

Comentarios