O Auditorio, cada vez máis cerca tras a aprobación inicial do estudo detalle

Tamén se conseguiron os informes favorables para a creación do equipamento socio-cultural do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e do Ministerio de Defensa
María Ramallo e Manuel Santos comprobando o proxecto. DP
photo_camera María Ramallo e Manuel Santos comprobando o proxecto. DP

O esperado Auditorio de Marín está cada vez máis cerca de converterse nunha realidade palpable. Este venres, a alcaldesa de Marín, María Ramallo, anunciou a aprobación inicial do estudo detalle. Este documento é un paso importante no camiño burocrático deste proxecto esencial para a localidade marinense e serve para determinar as condicións ás que ten que axustarse a futura edificación, determinando as características técnicas de volume, aliñacións...

Ramallo explicou que "este trámite supón un paso máis de cara a conseguir a licitación das obras, de tal xeito que o noso Auditorio xa é unha realidade, a falta simplemente de que rematemos os últimos chanzos da tramitación que nos faltan".

A rexedora tamén informou de que xa se conseguiron os informes técnicos precisos para a obra. Por unha banda, o informe favorable do Ministerio de Fomento, dado que a zona está afectada pola estrada PO-11, de titularidade estatal. Por outra, o informe do Ministerio de Defensa, por ser un espazo incluído na zona de seguridade da Escola Naval Militar, e, finalmente, o informe favorable da arquitecta municipal.

"Temos, por tanto, todos os apoios sectoriais que precisamos para seguir traballando neste proxecto, que suporá un antes e un despois para Marín, dotándonos por fin desta infraestrutura cultural que nos permitirá dar un paso adiante na nosa programación", declarou Ramallo.

O documento estará agora a exposición pública para despois poder levalo ao Pleno da Corporación, para a súa aprobación definitiva. Neste estudo, recóllense algunhas características técnicas importantes, como a necesidade de manter a continuidade visual coa Alameda de Marín, a unificación dos elementos de sinalización, rótulos, mobiliario... e a adaptación do cerramento portuario para mellorar a súa integración paisaxística.

As conclusións do estudo detalle é que a edificación é viable e, por tanto, xa está aprobado este documento por parte da Xunta do Goberno local. "Para nós é unha nova importante e seguiremos traballando para poder iniciar o proceso de licitación e construír o Auditorio de Marín". 

A construción do Auditorio é unha das obras máis importantes do Marín Dusi, a estratexia de desenvolvemento urbano sostible para a que a vila de Marín conseguiu a cofinanciación dun 80% do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea. A humanización da Avenida de Ourense e a remodelación do Paseo Alcalde Blanco son os outros dous grandes proxectos desta estratexia.

O GAU, semipresencial
A primeira sesión do Grupo de Acción Urbana (GAU), convocada para o luns, 12 de abril, ás 19.00 horas, será finalmente en réxime semipresencial e contará coa participación das asociacións culturais e veciñais da vila. Contará cunha introdución por parte da alcaldesa e da asistencia técnica da DUSI. Despois, representantes técnicos da obra de humanización da Avenida de Ourense, da remodelación do Paseo Alcalde Blanco e do proxecto do Auditorio presentarán os detalles das actuacións para que os representantes das asociacións poidan coñecelos máis polo miúdo.
Ademais, o peche da sesión estará dedicada á preparación da localidade para formar parte da Axenda Urbana 2030, establecendo un novo horizonte de actuacións para cumprir cos obxectivos de desenvolvemento sustentable da Unión Europea.

Comentarios