O aumento de prezos chega á Festa do Polbo: as racións serán dous euros máis caras

Ponse en marcha a organización deste evento gastronómico, que terá lugar nos días 13, 14 e 15 de agosto nos Xardíns de Urbano Lugrís
Unha ración da Festa do Polbo do ano 2018. ADP
photo_camera Unha ración da Festa do Polbo do ano 2018. ADP

Tras dous anos sen poder realizarse no seu formato habitual por mor da situación sanitaria, a localidade de Bueu acollerá a XXI edición da Festa do Polbo durante os días 13, 14 e 15 de agosto. Tal e como se acordou a comezos desta semana na reunión organizada entre a concelleira de promoción económica e turismo, Silvia Carballo, e os representantes do sector da hostalería que participarán no evento, a tradicional cita gastronómica terá lugar nos Xardíns de Urbano Lugrís, na zona das Lagoas.

O encontro tamén serviu para establecer os prezos aos que se ofrecerán as diferentes especialidades durante a realización do evento. Así, concluiuse que as racións máis pequenas alcanzarán un valor de 8 euros e as máis grandes de 12 euros, o que suporá un incremento de dous euros en comparacións ás edicións pasadas. Segundo explicou Silvia Carballo, a pesar dos desexos de manter os prezos tradicionais, este aumento resultou inevitable, xa que "non podemos obviar que nestes dous anos se encareceron os produtos".

Tras esta última reunión, dende a concellería de promoción económica e turismo de Bueu infórmase de que se comezará a traballar de cara á organización do evento. Este, ademais de contar cunha ampla degustación de especialidades gastronómicas elaboradas co produto protagonista das xornadas, rexistra como primeira novedade a suma de IXP Ribeiras do Morrazo á carta dos viños habituais en anteriores edicións, "o que supón valorizar unha marca na que se inclúe o noso Tinta Femia". Por outra banda, os festexos tamén ofrecerán unha programación variada que inclúe actividades culturais e de promoción de dito cefalópodo, as cales serán anunciadas ao longo dos próximos meses.

Con máis de vinte anos de historia, unha vez máis arranca a preparación dunha nova edición da Festa do Polbo, iniciativa que naceu como un proxecto que buscaba poñer en valor o produto estrela das Rías Baixas, supoñendo a día de hoxe unha das citas gastronómicas máis recoñecidas da comarca durante a época estival.

Comentarios