Avanza o proxecto de urbanización da Travesía República Arxentina

A Xunta de Goberno aprobou o expediente de contratación do plan, que suporá un gran cambio no desenvolvemento e mobilidade da zona
O plano do novo vial que conectará as dúas rúas. D.P.
photo_camera O plano do novo vial que conectará as dúas rúas. D.P.

O expediente de contratación do plan para a urbanización da Travesía República Arxentina foi aprobado pola Xunta de Goberno Local para o seu inicio. Este proxecto permitirá a conexión directa entre as rúas República Arxentina e Inferniño, desembocando nun "importante cambio no urbanismo da zona e na mobilidade urbana".

O proxecto de urbanización da Travesía República Arxentina aprobouse o 18 de novembro do ano pasado, xunto coa humanización do entorno do Mercado Municipal de Seixo. A finalidade de ambos plans é a mellora da movilidade peatonal, ademais dos servizos de alumeado público e saneamento.

O extremo este da Rúa República Arxentina, un tramo de 44 metros, está totalmente urbanizado e edificado. Atópase pavimentado, con beirarrúas en ambas marxes e con todos os servizos urbanísticos: o alumeado público, a rede de saneamento e pluviais, abastecemento, enerxía eléctrica, telecomunicacións e subministro de gas.

NOVO VIAL. A rúa termina nun muro, encargado de separar a zona urbanizada do regato e das fincas sen poboar. Mediante o plan, derrubarase o muro e unha edificación que se atopa nun estado ruinoso dentro das parcelas. Ademais, eliminaranse os peches metálicos localizados na zona non humanizada.

O tramo onde se executará o novo viario está integrado por tres parcelas, cunha extensión de 509 metros cadrados, en "estado de semiabandono, con cascallos e peches metálicos provisionais".

As dúas zonas están separadas por un regato, que se atopa canalizado baixo o solo urbano no extremo norte e sen encauzar na cara sur. Como o caudal delimita as zonas, para poder seguir adiante co proxecto foi necesaria unha autorización por parte de Augas de Galicia.

O proxecto para a urbanización da Travesía República Arxentina implica unha inversión de 256.407,09 euros. Para este gasto, o Concello solicitará unha subvención ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.

Comentarios