Avanzan os trámites para a construción da nova senda entre Pardavila e Cadro

A Xunta convoca para este mes e para decembro aos propietarios dos terreos necesarios para executala
undefined
photo_camera Ethel Vázquez. GONZALO GARCÍA

A nova senda da PO-313, que unirá Pardavila e Cadro, está cada vez máis preto de comezar a ser unha realidade tanxible. Segundo se publicou este mércores no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, o acto expropiatorio de levantamento de actas previas fíxase para o día 29 de setembro, entre as 10.00 e as 12.00 horas, no Salón de Plenos do Concello de Marín.

Posteriormente, convócase aos titulares dos terreos á formalización das actas de ocupación, logo do aboamento dos depósitos previos, o vindeiro día 16 de decembro, no mesmo horario e lugar.

Esta actuación impulsada polo departamento que dirixe Ethel Vázquez suporá un investimento autonómico de preto de 650.000 euros e os traballos contan dun prazo de execución de nove meses.

ACTUACIÓN. Trátase da construción dun itinerario na marxe esquerda da estrada PO-313, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 3+330 e 4+130, coa finalidade de seguir mellorando a seguridade viaria na contorna e fomentar a mobilidade sostible.

De feito, esta nova senda dará continuidade ao itinerario executado pola marxe esquerda da PO-313, de preto de dous quilómetros, logo dun investimento da Xunta de 715.000 euros, actuacións cofinanciadas con fondos FEDER 2014/2020.

Trátase da senda que comeza á saída da travesía de Marín, dá continuidade ás beirarrúas existentes e chega ao lugar de Pardavila, unha vez pasado o enlace coa Variante de Marín. En conxunto, conformarase un itinerario continuo de case 3 quilómetros nesta estrada, entre os puntos quilométricos 1+380, en Coirados, e 4+130 en Cadro, no que supón unha importante mellora da seguridade peonil nesta estrada.

Estas actuacións enmárcase no Plan de Sendas da comarca do Morrazo, co que a Xunta está a habilitar oito itinerarios peonís cun investimento de 4,5 millóns.

Comentarios