Banda do Río estará "á vangarda" grazas a un concurso de ideas

O Concello de Bueu agarda ter as propostas antes de que remate este ano
Imaxe xeral de Banda do Río e o Porto de Bueu. BENITO ESTÉVEZ PEREIRA
photo_camera Imaxe xeral de Banda do Río e o Porto de Bueu. BENITO ESTÉVEZ PEREIRA

O Concello de Bueu asegura que chegou o momento de que o barrio da Banda do Río, polo que pasou boa parte da historia local, conte cun proxecto de mellora, en especial da accesibilidade e mobilidade, pero tamén na transformación urbana antes de que remate este ano.

A Administración local investirá 38.000 euros en premios para o concurso de ideas que permitirá revitalizar e mellorar as condicións de vida do barrio mariñeiro, sendo a proposta gañadora a que se encargaría da redacción do proxecto e que se faría con 20.000 euros. O segundo premio estará dotado con 10.000; o terceiro, con 5.000, e, ademais, contémplanse dous accésits, cuxas contías serán de 2.000 e de 1.000 euros.

O Goberno bueunense considera que "é un momento de cambio e de que por fin se aborde un tema de grande interese social", motivo polo cal, o obxectivo é que o concurso poida estar resolto antes de que remate o ano. De feito, e dada a transcendencia pública, o Concello expoñerá ao público a totalidade dos traballos presentados para que a cidadanía os poida coñecer.

Tal e como destaca o alcalde, Félix Juncal, que asinou o convenio co delegado do Colexio de Arquitectos de Galicia en Pontevedra Anselmo Villanueva, "isto supón un paso importante, logo de moitos meses de negociación coas diversas sensibilidades do barrio" e permitirá "contar con propostas para que este céntrico espazo se sitúe á vangarda no fomento de políticas de accesibilidade e mobilidade". Anselmo Villanueva salientou que "gran parte da historia de Bueu discorre por este barrio, polo que é un reto moi ambicioso". 

Este convenio chega tras múltiples reunións celebradas con representantes da Asociación Veciñal da Banda do Río e da Plataforma Veciñal da Banda do Río, dous colectivos que integraron as diversas mesas de seguemento xunto á Corporación municipal, co fin de achegar posturas e sensibilidades arredor do que debería ser a filosofía das propostas de mellora neste barrio histórico.

Precisamente, os escritos presentados por estes colectivos, xunto a outra documentación e fotos históricas, servirán de base para que os arquitectos establezan as súas propostas. Entre as principais liñas de actuación a ter en conta están a seguridade viaria, un maior tratamento dos aparcadoiros, a renovación das edificacións, de servizos, de iluminación e tratamento do contacto coas vías e coa praia etc.

O ámbito de localización comprende o cuadrilátero delimitado polas rúas Johán Carballeira, ata Can do Penedo, incluíndo ambos os lados da Avda Montero Ríos e da rúa Pazos Fontenla, cunha superficie aproximada de 61.500 metros cadrados.

Comentarios