Jueves. 21.03.2019 |
El tiempo
Jueves. 21.03.2019
El tiempo

Baño de multitudes do BNG na presentación de Juncal como alcaldable en Bueu

Pontón e Juncal, no centro social do Mar. GONZALO GARCÍA
Pontón e Juncal, no centro social do Mar. GONZALO GARCÍA

Os nacionalistas confían en obter unha nova maioría absoluta na vila morracense

BUEU. Compromiso, humildade, ilusión e moito traballo. Estas foron tres das cuestións centrais do acto que onte organizou o BNG no Centro Social do Mar para presentar de xeito oficial ao seu candidato a revalidar a alcaldía do municipio, Félix Juncal. O acto contou coa presenza de Ana Pontón, voceira nacional, que non quixo faltar a esta cita, na que ensalzou a xestión levada a cabo polos nacionalistas na vila do Morrazo. «Bueu medra, avanza e pensa na cultura», asegurou.

O acto iniciouse coa intervención dunha das novas caras do BNG bueués, Dani Chapela, quen con 19 anos constata a forte aposta dos nacionalistas por incentivar a participación da xente nova na política local. Chapela destacou a figura de Juncal coma un alcalde que goberna «por todos e para todos». Unha persoa, completou, «que despois de 12 anos segue mantendo nos ollos a ilusión». A intervención de Chapela finalizou coa explicación do lema da campaña, "Bueu no horizonte", coa que o partido pretende «mirar de onde vimos e cara onde vamos», sen esquecer o pasado e coa ilusión posta no futuro.

«Despois de 12 anos, (Juncal) continúa mantendo nos seus ollos toda a ilusión», ensalzou Ana Pontón

Pola súa banda, Pontón só tivo verbas de eloxio para a traxectoria do partido no municipio, chegando a afirmar que miraba a situación con «envexa», xa que, aseverou, «levo moitos anos vendo como avanza e medra a localidade da man do BNG». Despois de destacar o papel dos políticos como servidores públicos, á disposición do pobo, marcou con especial énfase ao grupo
nacionalista coma «o motor para que o BNG siga transformando en positivo Bueu da man de Félix Juncal».

EMOCIÓN. Visiblemente emocionado, Juncal iniciou a súa intervención transmitindo a idea de que o seu discurso é «sincero e transparente», nun momento no que se pretende «reafirmar compromisos». A súa traxectoria dende o 2003, afirmou, pasou por anos difíciles. «Bueu era coma un corpo en parada cardíaca», afirmou, reflexionando que o BNG foi o encargado de «facer políticas de reanimación» para converter Bueu no que é agora. «Encántame ver que a xente critica ao alcalde ou critica ao goberno», proseguiu, explicando que ese é síntoma de que «cada vez somos máis esixentes», de que o pobo continúa activo e loita, «non se conforma».

O candidato a revalidar a Alcaldía tivo tamén verbas para o executivo do BNG, agradecendo ao partido por «ese xesto de xenerosidade de antepoñer sempre as politicas dos concellos aos intereses do partido». O actual rexedor aproveitou para facer referencia á voceira, Ana Pontón, afirmando que, grazas a ela, «Galiza terá un novo tempo».

Os nacionalistas confían en que Bueu continúe sendo un bastión inexpugnable.

Baño de multitudes do BNG na presentación de Juncal como alcaldable...
Comentarios