O BNG e ACB pedirán que se cubran as baixas en pediatría do PAC de Bueu

O bipartito presentará unha enmenda en relación a moción do PSOE sobre a situación do Centro de Saúde
Foto de archivo de una manifestación en la defensa de la sanidad pública encabezada por el BNG. DP
photo_camera Foto de arquivo dunha manifestación encabezada polo BNG a favor da sanidade pública. DP

Os grupos municipais do BNG e ACB presentarán unha enmenda para o seu debate na comisión informativa de Asuntos Xerais do Concello de Bueu relativa á moción do PsdG-PSOE sobre a situación do PAC do Centro de Saúde de Bueu e na que piden que se cubran "de xeito eficaz" as baixas en pediatría.

O pasado xoves 24 de novembro o Centro de Saúde volveu a quedar sen ningún profesional de pediatría, das dúas prazas existentes. Segundo o bipartito, está situación "vén demostrar as eivas coas que conta a atención primaria no noso Centro de Saúde de Bueu pola falta de persoal".

Explica que uns días atrás deuse a circunstancia de que houbo algún caso que xa fora atendido no PAC, e no cal se lle recomendaba que pedise cita de urxencia ao seu pediatra, que non dispoñía de cita ata o 11 de decembro. "Ao chegar ao centro non puido ser revisada por outro profesional volvéndoselle a remitir a que asistise ao PAC ou ás urxencias de pediatría do Hospital Provincial", explican BNG e ACB, que indican que lonxe de ser un feito aillado, "cabe dicir que esta cuestión afecta tanto á atención pediátrica a nivel local e de área sanitaria como ao propio funcionamento do PAC".

O bipartito denunciou que tamén se teñen cancelado citas xa programadas semanas atrás ante "a falta de pediatras que non se ve cuberta nin solucionada cunha atención axeitada por parte de profesionais en Bueu". Na enmenda tamén se incluirá un acordo en relación a creación dun protocolo claro para a atención en Bueu das familias e que este non afecte nin sature servizos.

Comentarios