O BNG de Bueu confirma a sexta candidatura de Félix Juncal á Alcaldía

O anuncio tivo lugar este domingo nun xantar multitudinario como peche aos actos conmemorativos ás catro décadas do partido nacionalista
Félix Juncal no anuncio da súa candidatura, este domingo, no restaurante A Centoleira. DP
photo_camera Félix Juncal no anuncio da súa candidatura, este domingo, no restaurante A Centoleira. DP

Con motivo da clausura das xornadas 40 anos ao servizo dun pobo, que conmemoraron ao longo desta semana as catro décadas de vida do Bloque Nacionalista Galego, o actual alcalde de Bueu, Félix Juncal, presentouse este domingo como candidato nacionalista para as eleccións municipais que terán lugar en maio do ano 2023.

Fíxoo nun xantar multitudinario celebrado no restaurante A Centoleira de Beluso, onde estiveron presentes, ademáis de membros locais do partido, a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, e o responsable de organización do BNG, Bieito Lobeira.

No acto, Juncal realizou un balance da terceira etapa do BNG ao frente do Concello bueués, que comezou no 2003 e continúa en vigor na actualidade. No seu discurso, o elixido como candidato nacionalista por sexta vez consecutiva fixo fincapé nos logros acadados nos últimos anos, así como aos proxectos futuros. Manifestou a súa intención de levalos ao cabo no novo mandato, para o que precisa "renovar a confianza do pobo".

Finalmente, o actual rexedor bueués agradeceu o apoio do seu equipo e prometeu continuar facendo "o mellor posible, sobre todo despois dos anos tan duros que pasamos".

Comentarios