O BNG de Bueu lembra a súa historia

HOMENAXE ▶ Tres conferencias e unha exposición composta por documentos históricos renden homenaxe aos tres mandatos do BNG en Bueu, que ata o próximo domingo acollerá as xornadas ‘40 anos ao servizo dun pobo’ con motivo do aniversario do partido político. A mostra, inaugurada este martes no Centro Social de Mar, resume o labor realizado polos nacionalistas na vila

O alcalde, Félix Juncal, co ex alcalde José Novas Piñeiro, na exposición que rende homenaxe aos 40 anos do BNG. SCT
photo_camera O alcalde, Félix Juncal, co ex alcalde José Novas Piñeiro, na exposición que rende homenaxe aos 40 anos do BNG. SCT

BUEU. Catro décadas despois da conformación do Bloque Nacionalista Galego, e cunha suma de case trinta anos gobernando no Concello de Bueu, a vila acollerá a celebración das xornadas 40 anos ao servizo dun pobo. O evento, que deu comezo onte, rende homenaxe ó labor realizado por este partido político na localidade a través dunha conferencia por cada mandato dos nacionalistas no municipio e unha exposición a modo de resumen das tres etapas.

Así, decenas de fotografías antigas, recortes de xornais e cartaces de actividades encherán ata o próximo domingo o recibidor do Centro Social de Mar, permitindo realizar unha viaxe no tempo a través dos recordos do partido. Estes documentos históricos, entre os que se inclúen folletos de listas electorais, están divididos en tres seccións que se corresponden con cada unha das etapas nas que o BNG gobernou en Bueu.

Aínda que o partido naceu no ano 1982, esta homenaxe tamén recoñece o período dos catro anos anteriores, nos que Xosé ‘Pepe’ Novas Piñeiro exerceu como alcalde de Bueu. Proclamouse rexedor no 1979 dentro do Bloque Nacional Popular Galego, unha coalición entre Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG) e Unión do Povo Galego (UPG), dando comezo a un primeiro mandato que finalizou en 1983 xa como BNG.

Esta etapa é definida polo propio Pepe Novas como «moi complicada, os inicios sempre son así; tivemos que inventar un goberno democrático dende cero». Esta situación, dificultada pola necesidade das coalicións para levar adiante as propostas, estivo marcada pola falta de colaboración das administración: «estaban en mans da oposición e bloqueaban todas as iniciativas».

A segunda etapa, entre 1995 e 1999, foi «moi diferente», asegura Novas. «Tiñamos máis poder e máis apoios, porque ademais coincidiu que os municipios da contorna estaban gobernados por partidos afíns».

O mandato do actual alcalde, Félix Juncal, tamén está representado nunha das paredes do centro. Cunha colección de elementos tanto antigos como recentes, as curiosidades xornalísticas, as fotografías dos logros acadados e os carteis de eventos recoñecen o período máis extenso do BNG bueués ao fronte do Goberno local.

CONFERENCIAS

A primeira das conferencias tivo lugar este martes no propio Centro Social de Mar. Referente á primeira das etapas, contou coa intervención de Pepe Novas, así como por integrantes das listas daquela época como Tere Barros, Elisa González e Purro.

O próximo venres 2 de decembro falarase da segunda etapa, ás 20.15 horas e no mesmo espazo. Intervirán membros do partido local de dito mandato, como Manuel Antón Mosteiro García, Moncho Millán, Chelo García Cendon ou Manolo Otero.

As xornadas pecharanse o domingo cunha conferencia que recoñecerá a etapa de Félix Juncal. Terá lugar a partir das 14.00 horas no restaurante A Centoleira, en Beluso. Este acto finalizará cun xantar.

Comentarios