O BNG pide unha "rápida intervención" urbanística en Loira

Asegura que un conxunto de "irregularidades" están xerando unha situación insostible para os veciños
O camiño en Loira, pechado. DP
photo_camera O camiño en Loira, pechado. DP

O grupo municipal do BNG en Marín puxo de manifesto durante a comisión informativa de urbanismo e o pleno municipal deste mes un conxunto de "irregularidades urbanísticas" que están xerando unha situación insostible para os veciños e veciñas da localidade de Loira.

Entre os temas destacados atópase o peche dun camiño municipal, unha medida que restrinxiu o acceso de varias familias ás súas vivendas. Esta problemática persiste sen solución dende hai máis dun ano e medio, a pesar das continuas denuncias por parte das persoas afectadas, "reflectindo un serio problema de xestión por parte do Concello, que aínda recoñecendo a súa titularidade sobre o camiño, delegou a responsabilidade na Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (Aplu) sen adoptar accións directas para resolver o conflito".

A voceira municipal do BNG en Marín, Lucía Santos, expresou a necesidade de que o Goberno Municipal tome medidas decisivas e efectivas para abordar estas e outras irregularidades urbanísticas, subliñando a importancia de garantir o benestar e a seguridade de todos os veciños e veciñas. Ademais, Santos criticou a actuación «insuficiente» do Goberno Local, que se limitou a pasar a responsabilidade á APLU sen comprometerse a buscar solucións inmediatas.

Dende o BNG, instase a unha intervención rápida por parte do Concello para remediar a situacións.

Comentarios