O BNG propón crear un parque temático de espazos naturais e deportivos

Estaría comprendida entre o Espazo dos Sete Camiños, no monte Pornedo, o Lago Castiñeiras e a Cruz da Maceira

Vista do monte Pornedo. CEDIDA
photo_camera Vista do monte Pornedo. CEDIDA

Unha das propostas do programa do BNG para as próximas eleccións municipais é a creación dunha grande área de lecer forestal comprendida entre o Espazo dos Sete Camiños, no monte Pornedo, o Lago Castiñeiras e a Cruz da Maceira.

"A protección dos nosos montes debe ser un dos principios reitores da iniciativa política dos concellos como base para un desenvolvemento racional do entorno, tanto desde o punto de vista do aproveitamento forestal como do turismo de calidade. Precisamos fomentar unha política paisaxística e ambiental que implique as comunidades de montes, os propietarios e as administracións co fin de conservar e mellorar os espazos naturais que temos en Marín", indica o grupo político.

Así, coa proposta do parque temático "pretendemos crear e multiplicar sinerxías económicas, medioambientais, deportivas e arqueolóxicas nun mesmo entorno delimitado, que podería ser ampliado en colaboración cos concellos limítrofes", sinalan os nacionalistas, que engaden que "recollendo a idea do ecoparque, consistiría na creación dun parque temático de espazos naturais, etnográficos e deportivos de goce público".

Deste modo, as principais actuacións no entorno consistirían na creación de novas rutas e na potenciación dos existentes con sinalización específica; a creación dun área de adestramento de atletas e deportistas en pistas forestais; a potenciación dos paseos a cabalo e do Programa de Bicicletas Todoterreo e a dinamización da ruta das mámoas e dos furanchos ou tabernas, entre outras.

"Estamos ante unha proposta ambiciosa que vai necesitar da implicación de distintas administracións, Xunta e Deputación, e a colaboración das comunidades de montes", conclúe o o BNG.

Comentarios