Miércoles. 18.07.2018 |
El tiempo
Miércoles. 18.07.2018
El tiempo

Bueu acolle a terceira edición do Enxebre Swing Festival

Os organizadores do Enxebre Swing Festival de Bueu. DP
Os organizadores do Enxebre Swing Festival de Bueu. DP

Haberá clases de baile, festas con banda en directo, ruta guiada por Cabo Home e pasarrúas pola vila

Bueu será o escenario da terceira edición do Enxebre Swing Festival, un evento dedicado á música e aos bailes swing que se celebrará do 17 ao 20 de maio en varias localizacións da vila.

O festival, que contará con clases de baile, festas con banda de swing en directo, ruta guiada por Cabo Home e pasarrúas por Bueu, está organizado pola Swing On School, unha escola de bailes vintage americanos que leva seis anos impartindo clases en Bueu, Cangas, Vigo e Pontevedra.

Os profesores da Swing On School Jorge Patiño, Laura Rosales e Elena Branco foron os encargados de presentar o programa do festival xunto co deputado de Cultura, Xosé Leal.

Elena Branco: "Este baile destaca polo seu ambiente familiar e é como un punto de encontro entre persoas de diversas idades"

Tal e como afirmou Elena Branco, "este baile destaca polo seu ambiente familiar e é como un punto de encontro entre persoas de diversas idades". Esta idea tamén foi apuntada por Xosé Leal, quen apuntou que "o festival é unha boa oportunidade para gozar dunha cultura e coñecer Bueu e os nosos espazos". 

Segundo explicaron, as clases de baile, que se celebrarán entre o Hotel Incamar e unha carpa situada no Campo de Fútbol da Estacada, estarán dedicadas ao lindy hop e a outros bailes swing, e nelas poderán participar tanto persoas coñecedoras destes estilos de baile como as que se queiran iniciar. As clases estarán impartidas por profesorado da Swing On School, ademais de que contar con recoñecidas parellas de baile que se desprazarán ata o festival, como son Beatriz Barrientos e Montse Carmona, desde Girona, Fosy Rock e Andrea Dhanae desde Vitoria;  Abeth Farag dende Lisboa e Javier Santos desde Mallorca. 

Xosé Leal: "O festival é unha boa oportunidade para gozar dunha cultura e coñecer Bueu e os nosos espazos"

Ademais, o festival contará con dúas festas de acceso libre no Aturuxo Bar, e outras dúas que se celebrarán na carpa do Campo de Fútbol da Estacada, estas últimas amenizadas pola banda cacereña Berzosax Ensemble.

Unha das actividades estrela deste evento será o pasarrúas coa mesma banda, que tocará polas rúas de Bueu realizando pequenas paradas nalgúns dos establecementos da vila, con saída dende La Perfecta e continuando polo Leña Verde, O Farol e Aturuxo Bar. 

As entradas para as diversas actividades xa se poden adquirir a través da páxina web www.enxebreswingfestival.com e tamén no Aturuxo Bar de Bueu e na Salason, en Cangas.

Bueu acolle a terceira edición do Enxebre Swing Festival