Bueu acollerá o sábado a II Feira da Ciencia e da Literatura

Como novidade, a iniciativa, promovida polos IES Johán Carballeira, contará coa participación de todos os centros da vila 

Presentación da feira. CEDIDA
photo_camera Presentación da feira. CEDIDA

Tras o éxito do pasado ano, o Concello de Bueu volverá apoiar a II Feira da Ciencia e da Literatura, un poxecto educativo e social que nace desde o IES Johán Carballeira co fin de visibilizar o papel das mulleres na ciencia e na literatura e que se celebrará o vindeiro sábado na carpa ubicada na céntrica Praza Massó, con horario entre as 11.00 e as 14.00 horas e das 17.00 ás 20.00 horas.

A principal novidade é que este ano participan todos os centros educativos da vila, que realizarán distintas actividades para este evento no que se agarda superar as cifras de visitantes da pasada edición. Así o salientaron na rolda de prensa de onte, na que estiveron presentes o alcalde de Bueu, Félix Juncal, a directora do IES Johán Carballeira, Asun Soñora, a coordinadora da biblioteca deste centro e da feira, Carmen Miñambres, a inspectora de Educación, Adoración de la Fuente, ademais de representantes dos centros educativos da vila buenense, do CFR Pontevedra e outras persoas colaboradoras.

O alcalde destacou a importancia de que "se una toda a comunidade educativa da vila para crear esta gran festa da ciencia e da literatura". Nesa idea tamén abondou a inspectora, quen animou ao centro a seguir apostando por estes proxectos. E, por último, a directora do instituto impulsor salientou que "esta feira une a todo o alumnado, tanto os que teñen dificultades como os que non, e aí radica o máis satisfactorio".

A dinámica da feira será semellante ao ano pasado, coa presenza de diversos postos nos que se analizarán os libros propostos, os cales están sendo traballados ao longo do curso polos alumnos e alumnas. Así, entre os títulos desta edición están La señorita Bubble e Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, ambos de Ledicia Costas, La clave secreta del universo, de Lucy E. Stephen Hawking, Marie Curie: la actividad del radio, de Jordi Bayarri, Cando Verne amarrou en Vigo, de Francisco Climent, La vuelta al mundo de un forro polar rojo, de Wolfgang Korn, El universo en tus manos, de Sonia Fernández Vidal, De la tierra a la luna, de Jules Verne e La cuchara menguante, de Seam Kean. Estes libros serán protagonistas de nove postos, nos cales se proporán diversas actividades que o público terá que ir resolvendo.

A programación incluirá obradoiros, proxeccións, observacións do sol e mesmo un "kamishibai", ademais dunha pequena biblioteca sobre a feira que se poderá consultar na carpa pequena. Así, ás 11.00 horas terá lugar un obradoiro de estrelas e miniplanetario na Sala Domínguez Búa; ás 12.00 será a presentación oficial da feira coa presenza das autoridades; ás 12.30 poderase ver o "kamishabai" e a proxección da entrevista que o alumnado do CEIP A Pedra lle realizou á científica buenense Isabel Pastoriza Santos (actividade que tamén estará dispoñible ás seis da tarde), e ás 13.00 horas programarase unha observación solar a cargo da Asociación Astronómica Sirio.

Esta iniciativa xestouse o ano pasado coa idea de relacionar a ciencia coa literatura, dúas disciplinas a miúdo moi afastadas pero que teñen moito en común. Ademais, tamén se busca divulgar o traballo que se fai desde os centros educativos e achegalo ao conxunto da sociedade. Por iso, desde o centro agradeceron a colaboración de toda a comunidade educativa.

Comentarios