Bueu acolleu o capítulo final do dobre tributo a Millán Otero

A Deputación presentou a compilación da súa obra no seu segundo cabodano
A actuación de despedida do acto, cos poemas musicados do autor. DP
photo_camera A actuación de despedida do acto, cos poemas musicados do autor. DP

A Deputación de Pontevedra e os concellos de Moaña e Bueu promoveron este domingo a homenaxe a Xosé Manuel Millán Otero, o poeta, profesor e exalcalde moañés, polo segundo aniversario do seu pasamento.

A obra poética completa do autor foi a protagonista desta doble convocatoria, iniciada o sábado diante da Praza do Concello de Moaña,e que continuou na xornada do domingo en Bueu, a súa localidade natal. A Casa do Pobo de Beluso acolleu un acto no que volveron participar a súa familia, a deputada María Ortega, e tamén o alcalde Félix Juncal, ademais do escritor Manuel Rei e Xardín Desordenado, que musicou catro poemas do homenaxeado.

A deputada de Patrimonio Documental e Bibliográfico salientou o legado de Millán tanto no literario como no político, e subliñou que era unha obriga da Deputación editar o seu libro de Obra Poética Completa por ser un referente da poesía do país "que debe ser coñecido e recoñecido en toda Galiza".

Pola súa banda, o autor da compilación dos textos e do limiar do libro, Manuel Rei, explicou que Millán "levou con orgullo ser do Morrazo" e era un home "vital, alegre e combativo" como toda a veciñanza desta comarca. Explicou que, de feito, a súa poesía está inspirada no microcosmos do Morrazo porque para el era a mellor maneira de renderlle tributo: "Era a súa materia prima", dixo Rei.

A xornada finalizou coa interpretación de varios poemas de Millán musicados polo grupo Xardín Desordenado especialmente para a ocasión: In (e) vocación, Invisibles pasan vidas, 25 de abril, e Cara o mencer.

O alcalde de Bueu Félix Juncal agradeceu na súa intervención á Deputación a súa implicación na "fermosa iniciativa" que supón homenaxear e difundir o legado de Xosé Manuel Millán. "Era veciño natural de Bueu que viviu boa parte da súa vida en Moaña, aínda que as súas raíces son bueuesas. Como era unha persoa tan cosmopolita, case hai que dicir que é universal", indicou o alcalde.

Comentarios