Bueu adaptará un proxecto de 2009 para a senda peonil entre Banda do Río e Beluso

A construción da pasarela completaríase coa colocación de mobiliario urbano

O alcalde de Bueu, Félix Juncal, mantivo na mañá do mércores unha reunión no Servizo de Costas de Pontevedra, na que abordou diversas cuestións de interese para o municipio. O asunto principal, por ser de grande interese para o concello, foi a senda peonil ou paseo marítimo entre a praia de Banda do Río e a de Beluso, unha iniciativa primordial que resolvería un problema moi importante de mobilidade e permitiría á cidadanía transitar de forma segura por este espazo.

Juncal mostrou a "prioridade do Goberno" para conseguir acometer esta actuación, para a que xa se conta cun proxecto do ano 2009 que agora será revisado para adaptalo ás necesidades do momento. Por iso, o Concello porá en marcha de xeito inmediato esta iniciativa, remitindo unha solicitude formal e por escrito, xunto co proxecto técnico, para acadar a autorización do Ministerio de Fomento e con iso xestionar as vías de financiamento para a actuación, que ademais dunha pasarela se completaría con mobiliario urbano.

Tras o encontro, o alcalde manifestou a necesidade de que «todas as administracións vaiamos resolvendo estas necesidades cada vez máis demandadas pola sociedade», que non só camiñen na consecución duns espazos de tránsito seguros senón tamén que fomenten o coñecemento sobre o medio ambiente e a propia contorna.

Con esta idea foi construída a pasarela de madeira da praia de Beluso e que agora o Concello busca continuar para vincular este areal co de Banda do Río.

Comentarios