Bueu, Cangas e Moaña recibirán 3,2 millóns da Deputación

O investimento, procedente do Plan +Provincia, incrementase en 205.207 euros
Casa do Concello de Bueu. DP
photo_camera Casa do Concello de Bueu. DP

Os concellos de Bueu, Cangas e Moaña recibirán este ano máis de 3,2 millóns de euros a través do "Plan +Provincia" da Deputación de Pontevedra, o que supón 205.207 euros máis que os recursos destinados pola institución provincial a estes municipios do Sur do Morrazo o pasado ano, cando recibiron tres millóns.

Bueu recibirá 931.551 euros, 76.152 máis que o pasado ano; Cangas 1.196.361, 69.964 máis que no 2023, e Moaña 1.098.123, 59.091 máis que no ano que acaba de rematar. Dos 3.226.036 euros, os Concellos poderán destinar ata 2,26 millóns a novos investimentos, 267.761 a gasto corrente, 619.399 a fomentar o emprego e 80.651 a proxectos transformadores relacionados coa mobilidade.

O presidente da Deputación, Luis López, remitiu onte unha carta aos rexidores detallando os recursos que lles corresponden e as principais novidades do plan, cuxa convocatoria publicouse tamén onte no BOP.

O plan, elaborado conforme aos principios de reforzo da capacidade inversora, maior autonomía local e atención aos retos comúns de futuro, pretende, tal e como remarca o presidente na carta, "avanzar conxuntamente nun modelo de cooperación e lealdade institucional que permita desenvolver as múltiples potencialidades da provincia".

Con este obxectivo, neste 2024 o plan de obras e servizos da Deputación incrementou a súa dotación en 4,2 millóns de euros, ata alcanzar os 48,2 millóns, que se distribuirán entre os 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia a través de catro liñas. A primeira delas, dotada con 33,74 millóns de euros vai destinada a investimentos; a segunda, con catro millóns, céntrase no gasto corrente dos concellos; a terceira, de 9,25 millóns, para a activación do emprego e a cuarta e novidosa liña, dotada con 1,2 millóns, para proxectos transformadores relacionados coa mobilidade.

Para facilitar a xestión dos recursos, o Plan +Provincia permite flexibilizar o traspaso de crédito entre liñas, de tal forma que poderá traspasarse o 100% das liñas 2,3 e 4 á liña 1; ata o 60% da liña 3 á liña 2; e entre o 30% e con carácter extraordinario ata o 50% da liña 1 á liña 2 de acordo cos requisitos establecidos nas bases publicadas no BOP.

Ademais, tamén se incorpora por vez primeira o criterio de reto demográfico para ponderar o impacto do envellecemento e a perda de poboación nos últimos dez anos.

Comentarios