Bueu celebrará a segunda edición do festival Art For Change o 29 de abril

O evento, promovido polo IES Johan Carballeira, destinará a recadación deste ano á asociación 13 GRADOS e a Save the Children
Alumnado e profesorado do Johan Carballeira nunha reunión co edil Xosé Leal na Praza Massó. DP
photo_camera Alumnado e profesorado do Johan Carballeira nunha reunión co edil Xosé Leal na Praza Massó. DP

Arrancan os preparativos para celebrar a segunda edición do festival artístico e solidario Art For Change, que chegará á localidade bueuesa o sábado 29 de abril. O concelleiro de Ensino e Cultura, Xosé Leal, reuniuse esta semana con profesorado e alumnado de 1ª de Bachalerato do IES Johan Carballeira, o centro que, por segundo ano consecutivo, se encargará de promover este encontro de arte e cultura.

Na reunión presentáronse as primeiras propostas para o festival deste ano, que seguirá a liña da primeira edición. Nesta, a través da venda de productos elaborados polos estudantes, alcanzouse unha recadación de 2.362,58 euros, cantidade que foi destinada ás asociacións BDRI e Paiasos sen fronteiras.

Segundo se adiantou dende o centro educativo, a idea é que a recolecta económica desta edición sexa destinada á asociación galega 13 GRADOS, que se dedica á divulgación e á conservación do medio mariño, e á ONG Save the Children, que aborda as necesidades vitais de millóns de nenos e nenas. Ademais, a ubicación escollida para a cita do 29 de abril volverá a ser a Praza Massó.

Ao igual que o ano pasado, o Johan Carballeira convidará aos centros de Bueu e de municipios próximos a unirse á cita, na que poderán participar con actuacións musicais ou de danza, representacións teatrais, postos de arte ou de ciencia ou de gastronomía mariñeira, entre outras opcións.

O festival Art For Change naceu para favorecer os procesos de transformación social a través da arte e da cultura. Por isto, a iniciativa pretende apoiar a entidades que, a través destas dúas vertentes, desenvolvan proxectos nos que se inclúa a colectivos en situación de vulnerabilidade.

Comentarios