Bueu e o cine, unha aposta pola inclusión social a través da sétima arte

O FicBueu e Juan XXIII organizaron unha xornada de gravación con actores recoñecidos

Manquiña e Morris, nun momento da xornada. ALBA FERRADÁS-FIC BUEU
photo_camera Manquiña e Morris, nun momento da xornada. ALBA FERRADÁS/FIC BUEU

As asociacións do FicBueu e de Juan XXIII uniron esforzos este sábado para sacar adiante un proxecto cinematográfico no que a arte sirve como ferramenta de inclusión. Ambos colectivos, na procura de demostrar que as persoas que sofren algún tipo de discapacidade son tan capaces coma o resto para desempeñar calquera labor, tamén as que teñen que ver co mundo artístico, estiveron axudadas por algúns dos actores máis recoñecidos do panorama galego: Mónica Caamaño, Antonio Durán "Morris", Manuel Manquiña e Francis Lorenzo.

Os intérpretes xuntáronse onte nas instalacións do Museo Massó para gravar unha curta, "A mentira secreta", onde desenvolveron esceas detectivescas, xa que o argumento da peza xira en torno á desaparición dunha veciña do pobo. Os actores puxéronse ás ordes dos mozos de Juan XXIII participantes no proxecto, que non só tomaron roles de mando, senón que tamén desenvolveron a súa creatividade e conseguiron levar a bo porto o traballo colaborativo habitual dun set de rodaxe ao uso.

Esta iniciativa, que comezou dando os seus primeiros pasos no mes de marzo, conta coa participación de sete usuarios da asociación.

Varios monitores do FicBueu e do centro de Cangas tutelaron todo o traballo realizado nesta tempada,e hoxe o equipo despregado para levar a cabo a rodaxe no museo e nunha tenda da vila era de vinte persoas. Tamén se gravaron exteriores na Banda do Río e nunha axencia de viaxes.

O FicBueu leva desde os seus inicios, a través da súa área social, colaborando con Caixabank. O director da entidade bancaria en Bueu, Iván Vidal, estivo presente onte durante a rodaxe da curta.

Este domingo, a gravación continúa, e nela estará presente a cómica Diana Sieira, que conduce unha das seccións do "Luar".

RÉCORDS. O Festival Internacional de Curtametraxes rebasou este ano a súa propia marca no que ten que ver ca recepción de filmes, chegando aos 2.202 recepcionados, chegados desde máis de cen países diferentes.

Un ano máis, Francia volve copar a cuarta parte das obras enviadas, «non só polo dinamismo do cinema galo senón probablemente tamén pola participación dunha delegación do FICBueu no prestixioso Festival de Curtametraxes de Clermont-Ferrand», apuntan desde a organización do evento buenense, que este ano celebrarse entre o 7 e o 15 de setembro. España é o segundo país máis representado, con 256 filmes, seguido a moita distancia de Alemaña, Brasil, Bélxica, Italia ou Rusia.

Comentarios