Bueu comeza as obras de semaforización da rúa Johan Carballeira

Esta obra, que conta cun orzamento de 92.843,29 euros financiados con cargo ao Plan Concellos 2021, vai permitir regular a intersección da PO-315 coa devandita rúa
Félix Juncal e os edis Silvia Carballo e Xosé Leal visitan as obras.
photo_camera Félix Juncal e os edis Silvia Carballo e Xosé Leal visitan as obras.

O Concello de Bueu comezou a semana pasada as obras de rehabilitación do firme da rúa Johan Carballeira e semaforización da intersección da PO-315, unhas obras que arrancaron no tramo superior da rúa e que levaron aparellados cortes ao tráfico de vehículos.O obxectivo é rematar as obras a finais de xuño con motivo da inminente tempada estival.

A empresa Construcciones Fechi SL estase a encargar dos traballos, e en días pasados xa se actuou sobre as beirarrúas, así como no asfaltado e cableado da rúa Johan Carballeira na parte superior, que estivo cortada ao tráfico durante toda a semana. A idea é que a próxima rematen as actuacións neste tramo, e xa se comece na zona superior, concretamente entre Pazos Fontenla e Montero Ríos.

Esta obra, que conta cun orzamento de 92.843,29 euros financiados con cargo ao Plan Concellos 2021, vai permitir regular a intersección da PO-315 coa rúa Johan Carballeira mediante a instalación de semáforos, e rehabilitará e mellorará o firme da propia rúa no tramo comprendido entre a estrada autonómica e a rúa Montero Ríos, cuxo estado de conservación non é óptimo.

O vial foi obxecto de múltiples arranxos nos últimos anos debido ao gran fluxo de vehículos que soporta. Esta situación agrávase durante o verán, pois moitísimas persoas acceden a través dese vial ás praias e a outros espazos turísticos.