Bueu creará áreas infantís nas antigas unitarias de Cabalo e Sanamedio

Con cargo ao Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra tamén se están a levar a cabo melloras nos parques infantís da vila e do rural

O Concello de Bueu continúa coa ampliación dos equipamentos comunitarios dos lugares e parroquias de Bueu, dotándoos de diverso mobiliario para que as asociacións poidan levar a cabo as súas actividades nas mellores condicións e acadando así un dobre obxectivo: recoñecer toda a actividade cultural que se leva a cabo nestes centros e incrementar o labor social nos mesmos.

Así, repartíronse cadeiras, mesas polivalentes e plegables rectangulares, armarios con portas baixas, mobles vitrina, aparellos electrónicos, dous xogos tradicionais de chave, catro xogos de petanca, catorce espellos, seis antenas de televisión, seis televisores, cinco encerados laminados móbiles e un interactivo con rodas, un soporte móbil para encerado dixital e un proxector de curta distancia.

Con cargo ao Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra tamén se están a levar a cabo melloras nos parques infantís da vila e do rural, como o do Paseo de María Eugenia, moi próximo á praia de Banda do Río. Neste mesmo proxecto tamén se inclúe a renovación dos parques biosaudables de Pescadoira e de Agrelo-Portomaior, que quedarán listos esta semana, e tamén o infantil de Meiro.

Así mesmo, crearanse áreas infantís nas antigas escolas unitarias de Cabalo e Sanamedio e un parque biosaudable en Ramal dos Galos, e incluiranse módulos no skate park das Lagoas. O parque situado na Praza do Concello renovarase unha vez que remate a tempada estival, dado que actualmente hai unha grande afluencia de persoas que o utilizan.

Estas obras, que buscan dotar de infraestruturas e oportunidades a todos os lugares do concello, súmanse á mellora dos servizos básicos, como a ampliación de saneamento, abastecemento e pavimentacións.

Comentarios