Bueu creará unha nova área de caravanas e autocaravanas

A parcela, situada na Chadiza, consta de 21.161 metros cadrados e contará con todos os servizos necesarios antes da época de verán
Zona na que se situará a área de caravanas e autocaravanas .
photo_camera Zona na que se situará a área de caravanas e autocaravanas. CEDIDA

O Concello de Bueu adquirirá unha parcela cunha superficie de 21.161 metros cadrados situada no lugar de A Chadiza, na parroquia de Beluso, e que se vai destinar a área de caravanas e autocaravanas.

Así o avanzou Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Martín Villanueva, edil de urbanismo, que xa se atopan traballando para ultimar toda a documentación técnica e administrativa para a súa compra.

Esta parcela adquirirase no marco das subvencións do Plan Concellos 2022 da Deputación Provincial de Pontevedra, e a previsión é poder dispoñer xa dela antes do verán, co fin de dotala dos servizos necesarios para as caravanas e autocaravanas.

Segundo se desprende do informe emitido polo arquitecto técnico, esta parcela cumpre con todos os condicionantes esixidos para iso, como son: un tamaño adecuado para este tipo de servizos, o acceso rodado a unha vía principal, que facilita a entrada e saída deste tipo de vehículos, a ubicación nunha zona próxima ao centro urbano pero sen xerar problemas de conxestión do tráfico, e a facilidade de conexión aos servizos de saneamento, abastecemento, electricidade e telefonía.

Con esta alternativa, o Concello resolverá un dos problemas que se vén padecendo todos os veráns ante a presenza destes vehículos en zonas non acondicionadas, como o caso de Cabo Udra.

Ademais, o goberno local está traballando nunha ordenanza de caravanas e autocaravanas que agarda ter aprobada este ano e que regulará a utilización deste espazo. Así mesmo, esta parcela tamén permitirá que se incorporen outros usos que sexan plenamente compatibles dende o punto de vista urbanístico dos terreos.

Comentarios