Bueu cumpre cos seus produtores locais

O aparcadoiro das Lagoas acolleu onte unha nova edición do Mercado Ecolóxico e Artesanal, que regresou con toda a normalidade
Os máis de 20 postos instalados na carpa das LagoAs ofertaban todo tipo de produtos, dende embutidos, queixos e licores, ata especias e complementos de moda. DAVID FREIRE
photo_camera Os máis de 20 postos instalados na carpa das LagoAs ofertaban todo tipo de produtos, dende embutidos, queixos e licores, ata especias e complementos de moda. DAVID FREIRE

Máis de dez anos despois da súa posta en marcha, o Mercado Ecolóxico e Artesanal de Bueu continúa sendo un atractivo para todos os veciños da vila e arredores. Tras dous anos marcados pola pandemia –o ano pasado celebrouse, pero con restricións– a feira, que ten por obxectivo impulsar aos pequenos produtores da zona, volveu este domingo con toda a normalidade e con máis de vinte postos de todo tipo de produtos ecolóxicos, gastronómicos e artesanais.

A pesar da choiva, foron moitas as persoas que se achegaron pola carpa instalada nas Lagoas para gozar dunha xornada diferente na que os produtores locais puideron darse a coñecer, sobre todo, de cara á época de Nadal. De feito, para moitos deles, este tipo de feiras son unha fonte de ingresos, xa que na maioría de casos non contan con tendas físicas.

Ademais dos propios postos, os asistentes tamén puideron gozar de diferentes actividades como unha cata de cervexa de mirabel a cargo do bueués Salvador Martínez Valladares, de Mirabel do Rosal. O produtor aproveitou o mercado para dar a coñecer o seu produto na súa vila natal, unha idea que comezou a cociñar no 2005, a pesar de que a produción de cervexa desta froita non se comezou a levar a cabo ata o 2018.

Tamén pola mañá tivo lugar unha charla sobre "Experiencias de xestión agroforestal", a cargo de Xosé Antón Arauxo, Presidente da Comunidade de Montes de Couso (Gondomar). O toque musical púxoo a charanga BCB a mediodía, cando moitos dos asistentes puideron probar a oferta culinaria de Il Pololo, que contaba con especialidades do outono e de tempada. Pola tarde houbo un taller de elaboración de queixos para os máis pequenos.

O Mercado Exolóxico e Artesanal de Bueu iniciouse con diversos obxectivos, entre eles, diversificar e consolidar a economía local partindo do consumo responsable e a produción sustentable, aproveitando os recursos endóxenos con criterios de responsabilidade social, económica e ecolóxica; contribuír á conservación e recuperación da cultura rural e tradicional, con especial relevancia dos oficios tradicionais, a sabedoría popular e campesiña, e as formas de uso e xestión sustentable dos recursos naturais; e conservar a biodiversidade biolóxica e os agrosistemas asociados ás actividades produtivas de carácter local, ecolóxico e artesanal.

O proxecto demostra o compromiso do goberno bueués polos produtos locais e a concienciación medioambiental na sociedade, de aí que, ademais da venda de produtos locais, de quilómetro cero, e de tempada, se sume unha ampla e variada programación con actividades paralelas que permitirán aprender e gozar dun día en familia.

Comentarios